A Aldea de Xavier Frías

 

ASISTIMOS Á PRESENTACIÓN DO NOVO LIBRO DE XAVIER FRÍAS

 

O pasado venres 17 de febreiro tivo lugar en Aturuxo Tenda Galega en Madrid (Rúa de Vallehermoso, 104) a presentación de A aldea, o novo libro de relatos do escritor e membro do Grupo Bilbao Xavier Frías Conde. Pilar Mera,  galega residente en Madrid e especialista en xornalismo, ciencias políticas e historia, foi a encargada de presentarnos o autor.

O título completo da obra dá unha idea do seu contido: A aldea: Cando as néboas dos carreiros contan historias. Porque iso é o que son: historias curtas de ficción, ás veces puros desatinos típicos do autor. De feito, algunhas delas son vellas coñecidas nos seus blogues e outros libros de microrrelatos, aínda que algo transformadas por esixencias editoriais, como aclarou o propio Xavier durante a presentación.

Esta foi breve: apenas uns minutiños para a introdución ó autor e unha descrición sucinta da obra, falar da súa actividade de blogueiro infatigable, reivindicar os lusismos como unha marca persoal do autor, e lernos un dos contos: Ciúmes na rede, un bo exemplo de relato absolutamente desatinado e hiperrealista ao tempo, da aldea e das novas tecnoloxías. Outra característica de A aldea é o uso da variante eonaviega, ás veces moi afastada do galego padrón e, por iso, sinalada na escrita con itálica (tamén esixencias editoriais).

E tan breve foi, que seica a metade da xente chegou cando xa rematara, polo que os faladoiros informais e as sinaturas de libros alongáronse moito máis, ata que Diego pechou a tenda e tivemos que marchar, tentando inutilmente decidir se continuabamos cunhas cervexas ou cadaquén volvía cara á súa casa, que foi o que fixemos finalmente.

Juan A. Rodríguez García (Celga 4)