“30 días non é un aniversario”

 

Hai un mes o noso blogue saía á luz.
“30 días non é un aniversario”, pero a vosa colaboración e axuda ben merecen estas palabriñas de agradecemento.

Lembramos a Rosalía, ás mulleres, aos homes, con Rivas,  con Manuel Pereira… Vimos cine infantil e non tanto. Escoitamos música, comentámola e cantamos. Escribimos poesías e relatos, ata gañamos algún premio! Cociñamos con palabras e imaxes.

Chegou a primavera, a chuvia e as folerpas. Escampou xa.
Aprendemos, tropezamos e erguémonos.

Estamos traballando para amosarvos máis de nós, do “Galego en Madrid”, do “Madrid en Galego”, dos nosos gustos literarios, dos sitios que nos gustan…

Hoxe 24 podemos atoparnos, á tardiña, no Faladoiro cos poetas do Grupo Bilbao.

Seguimos na arañeira, entrade, se queredes.

Xa sabedes quen somos e que facemos.
 
 

Galego no espazo musical (I)

Con este artigo vou comezar unha serie na que mostrarei textos e vídeos en galego que atopei na Internet, que me gustaron e que pertencen a ámbitos nos que a nosa lingua estivo excluída e nunca debeu estar. Un deses ámbitos foi o da canción, fóra da tradicional.

A canción tradicional, cunha rica historia e que por sorte o noso pobo conservou coma un tesouro, está a vivir unha vizosa actualidade, con innumerables formacións e solistas. O futuro albíscase prometedor e xorden apostas innovadoras como a da Central Folque que ten, entre outros, o obxectivo de acadar unha masa crítica de creadores e intérpretes, así como a excelencia técnica dos mesmos. Isto permitirá ir á procura da difusión mundial da música de noso, dun xeito similar ao conseguido por outras músicas tradicionais como a andaluza, a irlandesa ou a brasileira.

Porén, como non podía ser doutro xeito, tamén temos creadores e intérpretes que se expresan en galego e se senten seducidos e inspirados por outras correntes musicais. Por exemplo polo jazz, o rock , o pop, o reggae, o hip-hop ou, nun ámbito máis académico, tamén pola ópera e o canto sinfónico coral.

Neste artigo mostro algo dos inicios do rock en galego até a explosión creativa que aconteceu na década dos 90.

O primeiro tema que quero lembrar é o mítico Tren de Andrés do Barro, antecedente ou primeiro chanzo no pop-rock galego, do ano 1969.


Se che gusta máis o estilo punkeiro, escoita esta versión que fixo do mesmo tema Siniestro Total, nos 80.

N.H.U. foi outro grupo pioneiro do rock en galego. No 1978 consegue gravar un álbum de rock progresivo ou sinfónico que lamentablemente non foi acompañado polo éxito nas vendas. Algo fallou daquela e, non obstante, agora o seu disco é obxecto de culto dos coleccionistas.
Premendo aquí podes escoitar o seu tema Na terra do verde chan

No 1979 un grupo de rapaces gaiteiros de Portonovo proban a aventura do rock e co nome Goma 2 actúan como teloneiros  doutras bandas e gravan o seu propio disco. O resultado é espléndido, non deixes de escoitalo.

Xa nos 80 a banda Radio Océano cantaba na onda punk cancións como aTerra Cha que se converteu no himno roqueiro dos chairegos, ou estoutra Narcisismo (con letra do poeta Lois Pereiro):

Mais foi o grupo Os Resentidos, liderado por Antón Reixa, o primeiro en ter éxito con varios discos de rock en galego, como o seu popular Galicia Caníbal de 1986:

Seguindo o seu ronsel xurdiu o movemento bravú, que inzou Galicia de “rock sen capar” como eles mesmos definían. O seu lema: “Vivimos na fin do mundo pero temos bravura para tronzar o Universo todo”. Esta é unha mostra, é un video do grupo bravú Os Diplomáticos de Monte Alto,  liderado por Xurxo Souto:

Ese vídeo dos Diplomáticos foi sacado do Xabarín Club, programa xuvenil da televisión galega que comezou nos 90 e entusiasmou  varias xeracións de rapaces e rapazas con cancións tralleiras e divertidas na nosa lingua, como A Lavadora do grupo O Caimán do río Tea:


O Xabarín Club reflectía unha realidade dos 90: o agromo e o bulir de bandas de rock cantando en galego por toda a nosa xeografía, fenómeno que desde entón non fai máis que ir in crescendo.

No próximo artigo traerei exemplos doutras bandas que me gustaron desde o 2000 en diante. Espero que a vós tamén vos gusten.

Chove en Madrid no Día Mundial da Poesía

Chuvia de primavera

 

Chove en Madrid agora que chega a primavera. Benvidas sexan as dúas!

Antes de que escampe lembramos os versos de Manuel Pereira e de García Lorca.

Chuvia feita arte.

BEIZÓN

Sobre os parques, sobre as beirarrúas,
sobre os incondicionais paraugas,
sobre a alma dun ar intoxicado.

Na tarde de compras,
nos sábados de cine,
na fame dos encoros.

Unha melodía que nos restablece,
o manancial que nos sacia.
Esta chuvia.

Manuel Pereira Valcárcel, Tatuaxes, Follas Novas Edicións, 2011

 

MADRIGAL Á CIBDÁ DE SANTIAGO

Chove en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entebrecida ô sol.

Chove en Santiago
na noite escura.
Herbas de prata e de sono
cobren a baleira lúa.

Olla a choiva pola rúa,
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaído
soma e cinza do teu mar.

Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol.
Agoa da mañán anterga
trema no meu corazón.

Federico García Lorca, “Seis poemas gallegos”, Nós, 1935

 

“Chove en Santiago” por Luar na Lubre

 

 

Lembrade tamén que os galegos temos moitos nomes para a chuvia, neste artigo tedes algúns.

 

Que é para vós a chuvia?

Como lle chamades?

Que medre a listaxe!