Os Maios

OS MAIOS EN OURENSE

“A Festa dos maios é a festa da primaveira, ben sexa da súa chegada, ben do seu trunfo. Siñifica o reverdecer das prantas o comezo do ano agrícola, a ledicia de ver erguerse o sol por riba do hourizonte e coller altura e forza” (Vicente Risco)

Os estudosos non están de acordo na súa orixe, aínda que todos coinciden en que é una festa ancestral. Uns din que comeza na prehistoria como culto agrario, outros que as orixes están na civilización fenicia e grega e que os celtas asimilaron eses costumes. O certo é que ten relación co mundo agrícola.

Na prehistoria naceu o culto a “deidades” cando os primeiros homes se preguntaban sobre esa forza renovadora que cada ano, tras a época das chuvias e o frío, facía brotar a semente e revestía os campos de variadas cores.

Os gregos crean un mito para explicar o cambio estacional: “Perséfone, filla da deusa da fertilidade da terra, foi raptada polo señor do escuro e friorento mundo subterráneo Hades, e cando volve á terra despois do inverno, que pasa co seu esposo, a súa nai recíbea cunha explosión de ledos verdes e flores multicolores”.  As mulleres celebraban esta eclosión primaveral coas festas mistéricas, de carácter secreto e prohibidas ós homes, dedicadas á deusa dos cereais.

Os romanos festexaban a Maia, nai do nome do mes (que desde os romanos está no calendario dos pobos conquistados por eles) durante o que se purificaban os campos coa realización de sacrificios de animais. Os cristiáns adaptarán, en grande medida, estas festividades no seu santoral transformando o nome, pero non os contidos.

Era unha festa pagá, un cántico ó mes de maio, na que as persoas adoraban a natureza coa celebración da chegada do bo tempo e así promover unha boa colleita. Co tempo a igrexa tratou de cristianizala e comezouse a pór cruces no alto dos maios.

A festa consiste en realizar diversas representacións ó redor dunha árbore ou escultura, chamada maio; isto é coñecido como os maios figurados. Consisten nunha figura en forma de cono no modelo máis tradicional, ou de calquera outra forma (maios artísticos).  Os maios figurados consisten nunha armazón ou esqueleto de paus ou táboas de forma cónica ou piramidal, recuberto de tea metálica ou estopa, que se cobre de mofo herba. A armazón constrúese sobre unha plataforma que, a modo de padiola, permite transportalo polas rúas do lugar. Sobre esta estrutura debúxanse distintos motivos con flores, follas, fiúnchos, fentos, froitos ou ovos como materiais máis habituais. O cumio remátase cunha cruz. Hoxe a imaxinación popular tamén constrúe maios coas figuras máis variadas: pontes, hórreos, cruceiros, casas, animais, figuras humanas, etc.
Grupos de xente cantan coplas populares (que tamén reciben a denominación de maios) ás veces dialogadas, mentres camiñan arredor da escultura, acompañados da percusión de dous paus.

Vén celebrándose habitualmente os primeiros días de maio, se ben en Ourense faise o día 3, día da Santa Cruz, que na tradición cristiá representa a árbore da que nos veñen a vida, a saúde e a resurrección. Dende o 4 de outubro de 2001 foi declarada polo Consello da Xunta de Galicia Festa de Galicia de Interese Turístico na provincia de Ourense.


 

En Ourense, na rúa do Paseo e na Alameda, agóchanse os maios que preparan os días anteriores os distintos barrios, asociacións, nenos das escolas e institutos da cidade.

É costume facer competicións, premiando as mellores esculturas e as mellores cantigas.
A festa remata queimando ou afogando o maio. En Ourense acaba afogado no río Miño.

Teresa Lorenzo (Lingua e Cultura)

Documental sobre os Maios

“Ahí vén o maio” interpretado por Pilocha:

Se preferides a versión de Luis Emilio Batallán premede aquí.

Agora podedes ler o poema “O Maio” de Manuel Curros Enríquez

Galego no espazo musical (II)

A finais dos 90 o Xabarín Club seguía a ser unha mostra de grupos galegos bravús (Rastreros) e punkies (As Pussycats). Algúns con grande éxito, como os Heredeiros da Crus:

Mesmo grupos que habitualmente cantan en castelán facían as súas versións en galego para o Xabarín, como Aerolíneas Federales ou Siniestro Total.

E até bandas portuguesas como Os Xutos e Pontapés, os Despe e Siga ou os rastas Kussondulala co seu reggae auténtico cantaron os seus temas á galega, no Xabarín.

No primeiro lustro do século xorden en Galicia bandas con moi diferentes estilos, non só pop e rock senón tamén funky, reggae, hip hop… Daquel tempo gústame a calidade do funky de Loretta Martin:

E triunfou a forza do rock contundente de Zënzar, que xa levaban uns aniños de percorrido na música:

Vítor Garabana – Celga 4

Día do libro

 

Un libro no que participei:

 

Un libro que presentamos aquí hai pouco tempo: “Tatuaxes” de Manuel Pereira Valcárcel.

 

Un libro do que axiña falaremos:

Libros recomendados nos nosos cursos de galego, algúns xa lidos e comentados polo alumnado: na páxina Lemos.

 

E ti, que estás a ler? Cal nos recomendas? Con cal nos agasallas?

Deixa os teus comentarios.

“Tatuaxes” en fotos, audio e vídeo

 

 

Quen non puido vir alá polo mes de febreiro á presentación de “Tatuaxes”, o libro de poemas de Manuel Pereira Valcárcel, agora poderá gozar dela; quen nos acompañou ese día, poderá vela e escoitala de novo.

 

 

 

Aquí está a Presentación en fotos feita por Vítor Garabana: Imaxes de apoio para ambientar o acto e algúns poemas de “Tatuaxes” que o alumnado recitou ese día.

Se queredes escoitar a entrevista que lle fixeron a Manuel Pereira os nosos xornalistas Rebeca, Ánxel e Pepa,  e que gravou Rebeca, premede en: Audio da entrevista ao autor de “Tatuaxes”

Os vídeos son obra de David Fraíz, na conta “galegoenmadrid” podedes ver:

Unha achega ao Grupo Bilbao e a Manuel Pereira Valcárcel  por Jesús Mª Varela e por Marisa Cosano,

o recital de varios  Poemas de “Tatuaxes” nas voces do alumnado de galego, de Begoña Regueiro e do propio autor:

e  a Presentación completa do acto con Teresa Lorenzo como guía condutora.

 

O noso agradecemento a Abe Rábade, a súa interpretación de “Camariñas” acompañounos nesta presentación.

 

Agardemos que vos gusten!

 

Unha pinga de luz e mel na lingua

Graciñas polo afecto a esa cousiña pequena que é o “Ben falado!” e ás Palabras milenarias. Impresiona a potencia da TVG que leva todo iso polo mundo adiante e que nos fai chegar ecos emocionados de moitos Países nos que hai galegos ou, máis impresionante, persoas estranxeiras que tiveron un pai galego e procuran non perde-lo BF! porque lles leva o sentimento de que moito do seu pai segue vivo.

O BF! só quere ser unha pinga de luz e unha pinga de mel sobre a lingua. O obxectivo é querela máis: dicía Ramón Piñeiro que o noso problema coa lingua galega non está tanto na cabeza coma no corazón. Interésano-la emoción das palabras, da fala, das cousas que se fixeron en galego podéndoas facer noutra lingua. Tódalas linguas do mundo, todas, son un prodixio de potencia comunicativa e de sinxeleza. Todas merecen respecto e oportunidades. Ningunha, ningunha, merece menosprezo. Un dos obxectivos do BF! é que nos sintamos POBO, pero do pobo das linguas nativas todas do mundo. No mundo enteiro hai hoxe un movemento espontáneo e incontrolado de defensa das linguas nativas. Non sei a onde chegará esta marea pero vén aí. É parte da ansia  mundial de ecoloxía; neste caso, de ecoloxía lingüística.

 

Gústame a vosa páxina. Gústame especialmente ese roteiro de Galicia en Madrid. Fareivos unha proposta. Os que vivides en Madrid  estades tocando o berce do Rexurdimento da nosa lingua, porque foi aí, no mosteiro de San Martín, onde o P. Sarmiento deu a alerta, fixo os primeiros estudos e a primeira gran reivindicación da lingua galega e inventou mesmo a filoloxía comparada en pleno século XVIII.  O P. Sarmiento tivo a mesma paixón pola lingua galega e por Galicia que  tedes vós.  Rosalía veu case cen anos máis tarde. Aí, en Madrid,  están parte dos  manuscritos do P. Sarmiento; aí están tamén os seus ósos, moi probablemente baixo o asfalto dunha praza, podendo estar no Panteón de Bonaval.  Sábese o que dicía a lápida que lle puxeron, cando o enterraron na igrexa de san Martín. Pero nada o lembra, porque se derrubou o mosteiro; pero, se houber preocupación, aínda se podería encontra-la súa tumba: por cousas menos importantes faise unha escavación.  Buscade a ubicación e, se podedes, poñede o sitio no mapa.

 

Saúde.

Xesús Ferro Ruibal

 

Xesús Ferro Ruibal, membro da Real Academia Galega, dirixe o proxecto Fraseoloxía galega no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades  e é o director e presentador do Ben falado!