Con vós aprendo

Os cursos de galego no Espazo das Linguas Ibéricas en Madrid rematan hoxe, finaliza así este ano académico 2011-2012.
Os deberes pendentes irémolos facendo no verán e pendurando aquí no blogue.
Agardemos en outubro estar de novo xuntos nas clases, e de aquí alá moitas veces en Madrid e en Galicia, na arañeira e en galego.
Agardo os vosos comentarios para seguirmos aprendendo.

Velaquí o meu resumo-avaliación:

Foto: David Fraíz


Con vós aprendo

De primeiro sardiñas lañadas, seguimos con zorza imperial, e de sobremesa filloas con rixóns sen faltar o trullo de Xulio. Elena: o poema; Cristina, Conchi e Anselma: os remedios. A Marisa, Cris e Manolo lévoos da man para que non volvan tropezar. Chinto píntame as Letras. Viaxo con Tania entre linguas e con María percorro Galicia en Madrid, Salomé lévame á aldea e Rebeca ó mar das ondas. Vou de pesca con Miguel, Unha Troita dáme Silvia; Marisa guíame á Rapa e Teresa aos Maios; Carmen e Pepa agárdanme no Antoxo; Marino, camiño do metro; Montse, no cine cos nenos; Cris regálame o riso e Paco un bombón; Monsa, a cántiga entre prato e flor, e Reme: Venceremos; Rosa lévame ó Grove e Bea a Bóveda; celebro o Corpus con Ánxel no banco da Porta; con Jesús, o Faladoiro máis anos; con Puri o Ben falado entre mulleres; coñezo as Fragas viquingas de Vítor cheas de cestos por enchermos de Alalás; escoito a Música de Sam e o tamtam de David, leo mellor a Beni, agardo as mensaxes de Teresa e Carmela, de Juan un consello e de Ana unha dúbida, de Alba, outra baixiña. Gonzalo arríncame bágoas co último sms de 100 palabras. Mar: parabéns! Estrella, Magdalena, Manuel, Pablo, Pedro, Águeda, José Miguel, Lucila…
Aprendo con vós.

 

Carme Lamela Villaravid
Espazo das Linguas Ibéricas
Cursos de Lingua e Cultura Galega 2011-2012

Actos conmemorativos das Letras Galegas 2012 en Madrid

Os días 16, 17 e 18 de maio celebramos as Letras Galegas en Madrid cunha serie de actos organizados e desenvolvidos conxuntamente polo Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense, a UNED e Galego no Espazo das Linguas Ibéricas, nos que colaborou tamén Aturuxo Tenda Galega.

Homenaxeamos a Valentín Paz-Andrade -autor ao que este ano está dedicado o Día das Letras Galegas- cunha exposición de Tucho Calvo no CEG. Homenaxeamos a Celso Emilio Ferreiro -de quen este ano se cumpren 100 do seu nacemento- cun brillante estudo de Ana Acuña e cun recital poético no CEG. No Espazo das Linguas homenaxeamos a Isaac Díaz Pardo -persoeiro imprescindible na cultura galega recentemente falecido- cunha lembranza na que participaron Ana Acuña, Xesús Alonso Montero, Mariví Villaverde, Inés Canosa, Constanza Tobío, Manuel Pereira, Carmen Mejía, Ricardo Pichel, Vicente Araguas e o alumnado deste centro. Homenaxe tamén recibiu o Grupo Bilbao, que este ano festexa os seus 15, coa realización dun simposio na UNED e a presentación en Aturuxo Tenda Galega do libro colectivo Bilbao. Antoloxía de poesía galega en Madrid, publicado por Amargord (antoloxía bilingüe de dez dos poetas do Grupo) .

Podedes ver máis fotos e vídeos, así como ler algunha das intervencións nestes actos na lapela Letras Galegas 2012.

Agradecementos a quen nos cedeu material: fotos, vídeos, textos e música.

Valentín Paz-Andrade, a memoria no mundo da pesca

“Valentín Paz-Andrade; a memoria no mundo da pesca[1]”

Valentín Paz-Andrade por Chinto Castro

 

A pesca e a acuicultura dan traballo a millóns de persoas no mundo das cales un sesenta por cento traballa na captura de peixes, mais cunha sinestralidade con resultado de morte moi alta. De feito, pódese asegurar que é unha das actividades laborais máis perigosas.

España e, dentro dela, Galiza é unha potencia mundial na pesca cunha sensibilidade especial cara á seguridade dos buques e da vida humana na mar. Sempre se amosou unha preocupación por este colectivo de xente de mar e, de feito, a nivel internacional é un dos poucos países que dá o mesmo valor a esta xente ca á dos buques mercantes.

Unha característica particular deste sector en España é a internacionalidade. Os barcos españois en xeral, e os galegos en particular, faenan ó longo do mundo; mesmo no Océano Atlántico, no Pacífico Oriental, en augas árticas e, máis recentemente, no Índico.

Valentín, galego de corazón, traballou en Vigo para os armadores, un mundo cunhas tradicións moi arraigadas, nunha época na que a pesca estaba en fase de transformación, e así se estableceu a relación entre el e o sector. Máis tarde, como consultor da FAO, tivo acceso a un mundo máis aberto, nunha época que se desenvolvía a velocidade de vertixe nos países máis avanzados, con moitas oportunidades para a explotación dos recursos vivos da mar lonxe da costa. Os seus traballos de economía pesqueira gañaban prestixio e consistencia grazas á súa dedicación e ós seus contactos con expertos de países nórdicos sendo, ó mesmo tempo, ponte entre eles e os países de América latina, en vías de desenvolvemento.

Froito da colaboración con José Fernández López dende 1961 os buques da compañía Pescanova comezaron a navegar polos caladoiros austrais. Estes, de orixe, foron buques arrastreiros conxeladores de máis de 70 metros de eslora (lonxitude), buques que, daquela, soamente existían na URSS e no Xapón.

O resultado foi sobresaínte. Fixo da pesca, xunto a outros empresarios galegos, un sector industrial en España e en Galiza e axudou ó desenvolvemento de Vigo: como porto pesqueiro máis importante de Europa, e un dos máis importantes do mundo, e como zona industrial arredor da pesca.

Nos anos setenta a creación das zonas económicas exclusivas, que regulaban a explotación dos caladoiros máis alá das doce millas mariñas limitou o desenvolvemento da pesca en Galiza, xa que aumentaba as augas soberanas ata as duascentas millas (mariñas) e obrigaba a establecer acordos cos países, pero o traballo a nivel galego xa estaba ben feito.

É seguro que na personalidade de Valentín a vida das persoas a bordo dos buques tiña un valor importante. Nestes momentos España traballa na Organización Marítima Internacional con miras a adoitar un instrumento legal internacional chamado “Acordo para a implantación do Protocolo de 1993 relativo ó Convenio de Torremolinos de 1977 sobre seguridade de buques pesqueiros”. Grazas a este acordo intentarase conseguir a entrada en vigor a nivel internacional de regras para a construción e a seguridade dos grandes buques de pesca, como aqueles de Pescanova e de Valentín Paz-Andrade. O instrumento está a piques de ser rematado en Londres e debaterase extensamente nunha Conferencia diplomática en Sudáfrica en Cidade do Cabo.

Os aspectos a tratar supoñen unha rebaixa do nivel de seguridade dos regulamentos actuais, soamente en vigor na Unión Europea, pero estas rebaixas poderán ser compensadas no futuro grazas ó procedemento de emenda do instrumento internacional. Isto levará a longo prazo a unha igualdade competitiva comercial e a mellorar a seguridade dende o punto de vista global.

Homes como Valentín Paz-Andrade teñen algo que ver con isto.

[1] Texto en alusión ao libro de Tucho Calvo: Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, ed. Biblos Clube de Lectores, S.L.2011

Miguel Núñez- Celga 4

Galego no espazo musical (IV)

No derradeiro artigo desta pequena serie sobre o pop-rock galego, deixo algunhas suxestións sen lles querer dar unha orde cronolóxica, só para compartir convosco boa música.

Os Machina son agora mesmo unha banda de rock sobranceira que nunha entrevista de Vieiros se definían como Post-Bravús (2009). Dese ano era o seu duro tema “Manolo Kazolo” que denunciaba a violencia asasina contra as mulleres:

Fran Pérez Narf é un cantante de gran personalidade e cunha grande inquedanza na procura de novos xeitos de facer a música. O seu “Santiago” (2007) para min é máis ca “poesía feita pedra”:

Tamén acho fantástico o seu disco Totem e a súa colaboración co guineense Manecas Costa que acadou gran difusión non só en Galicia senón tamén nos circuítos internacionais, e da que saíron temas como Aló Irmao ou Esta noite.

Gústanme os rocks intensos dos John Deers, como este “Obsesión”:

Os Dios ke te krew crean na onda rapeira, na que priman as letras. Denuncian en Ollo ó parche (2011). No mesmo estilo temos a El Puto Coke reivinvicando o Gal-ego, ou os bos temas de Som do Galpom, como Na cama (2009) ou “Quedamos nesa praza” (2012):

Os Fracasados de Antemano tocan varios estilos, pop en Santa Noctámbula (2008), pop-reggae en Menezes (2009) ou pop latino en Heroes (2011).

Guezos é unha banda ourensá de folk-rock. Neste Terra adentro (2010) o noso instrumento tradicional, a gaita, é o protagonista. E con Lamatumbá a música é sempre festa.

E nada mellor para rematar ca un auténtico himno, o recén saído “Rock do país” (2012) de Ruxe-Ruxe. O vídeo préstame!:

Na escolma que fixen nestes catro artigos mostrei só algúns dos grupos que fan bo rock en galego. Atoparedes moitos máis na rede, escollede os que máis vos gusten e non deixedes de seguir a nosa música.

Eu acho que nos próximos anos habemos ter moitas e boísimas creacións, con este bulir con certeza haberá novas sorpresas!

Vítor Garabana – Celga 4