Felicitamos o Nadal con letra e música

 

POSTAL DOS DESEXOS

Para as miñas compañeiras, os meus compañeiros

Deséxovos:

Novos camiños que alimenten a vosa mirada, mirada nova que percorra camiños vellos.
Risas de nenos, as vosas mesmas, que dende dentro empuxen forte e saian fóra.
Xente, a que tedes lonxe, que veña cerca, e a que tedes cerca, e non queredes, que vaia lonxe.
E tempo, moito tempo, se non o tedes; alegría, alegría sempre, para vostedes.

Beatriz Doldán Varela (Celga 1)

 

Aprendemos a cantar a panxoliña “Unha pouca roupiña”, despois de escoitarlla a Mini en O Quiquiriquí. Cantos para o Nadal

 

O Apalpador, o Nadal, os Reis


Para ler sobre o Nadal, o Apalpador, os Reis:

 

O Apalpador, ese personaxe máxico galego que no Nadal baixa das montañas para repartirlles castañas aos nenos e ás nenas que pasaban fame.

Velaquí o conto:

 

Tamén podedes mirar, ler e escoitar o Videoconto que sobre o Apalpador fixeron no CEIP Coirón-Dena de Meaño:

 

Se sodes máis de Reis:

Este último podedes lelo aquí

 

Manu Clavijo cantou “Lois Pereiro, Canción Última”

O pasado 17 de novembro puidemos escoitar en vivo, en Aturuxo Tenda Galega, o cantautor Manu Clavijo interpretando o seu disco “Lois Pereiro, Canción Última”, no que pon música a poemas do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2011.

Na tenda madrileña dedicada á cultura galega poderás atopar o disco de Manu e os libros de Lois Pereiro.

Celso Emilio Ferreiro e o Nadal

Hai cen anos nacía en Celanova Celso Emilio Ferreiro.

Foron varias as homenaxes nas que participamos ao longo do ano:

No mes de maio recitamos os seus versos e coñecémolo mellor. Lembrade aquí a celebración conxunta co CEG da Complutense e a UNED.

No mes de xullo, na Casa de Galicia, recitamos a Celso Emilio.

Alí Amancio Prada agasallábanos con esta panxoliña de Celso Emilio Ferreiro:

“Xuntei o vento frío coa auganeve,
xuntei a noite negra coa xeada,
e vin un Neno espido nun pesebre.

Que misterio máis fondo, que aventura!:
O Neno non quería
gozar doutros irmáns, nin doutra axuda.

Por algo estaba alí, por algo estaba
tan lonxe da riqueza gasalleira,
tan preto da pobreza desolada.

Por algo os pastoriños se achegaron.
E se o vento pasou tan paseniño
cantando suavemente, foi por algo.

Por algo era María unha artesá,
cando podía ser, se ela quixese,
primeira dama, esposa principal.

Por algo era Xosé un carpinteiro
de fortes, rexas mans encalecidas
na garlopa, na trencha e no martelo.

Xuntei tódolos orfos nun só berce,
xuntei as inxustizas coas aldraxes
e púxenas de ofrenda nun pesebre.

Quen foi o que roubou o meu presente?”

Celso Emilio Ferreiro