Adeus, ATURUXO!

 

Vaite febreiriño curto,
cos teus días vinteoito,
que se tiveras máis catro
non quedaba can nin gato.

 

 

Hai 14 meses uns ilusionados María Carreira e Diego Castelao abríannos as portas de Aturuxo Tenda Galega en Madrid. Alí  Edu Carreira amosounos a súa arte, alí cantamos con Uxía, Serxio Tannus e Carlos Blanco, alí coñecemos a Xoán Curiel, alí soou o violín de Manu Clavijo homenaxenando a Lois Pereiro, alí as sachas vibraron con Maghúa, alí presentaron os seus libros Xavier Frías, Francisco Castro, e os membros do Grupo Bilbao, alí Inacio presentounos a Castelao.

Alí os nosos alumnos e alumnas achegáronse á cultura galega en Madrid, así describía Rebeca Aturuxo, a nosa alumna cega. Alí gravamos recomendacións lectoras para o proxecto Kuentalibros, alí Elena Gallego creou a cadea Salvemos Aturuxo.

Non lle deu tempo a Luz Pichel nin a Samuel Diz, nin a Manuel Pereira de presentar novas obras.

A crise?

A cultura non se vende nin se compra!

Alí emocinábannos Diego e Ricardo Pichel interpretando esta peza celta:

.

Alí podías atopar discos, libros, artesanía galega e moito agarimo.

Velaquí unha pequena mostra fotográfica de Aturuxo Tenda Galega.

 

Bo Camiño, Diego!

 

 

 

Diego Castelao. Foto: Ricardo Pichel

Aniversario con Rosalía

Hai un ano vía a luz este blogue Galego en Madrid. Celebrabamos así o aniversario de Rosalía de Castro, que nacía en Santiago de Compostela un 24 de febreiro.

Graciñas a todas e a todos @s que participades no blogue, a quen o administra, a quen o edita, a quen publica nel, a quen comenta e a quen o le.

Seguiremos mentres queirades e as forzas non nos falten.

Ánimo a quen o mira pero non o escribe. É voso, é do alumnado do Espazo das Linguas Ibéricas e de quen queira colaborar coa nosa lingua e coa nosa cultura.

 

Onte, 23 de febreiro, con alumnas e  alumnos dos cursos de galego participabamos na homenaxe a Rosalía de Castro en Madrid. Convidados por Luz Pichel e Vicente Araguas, que atendían á convocatoria da AELG, saímos do Café Comercial -onde cada último sábado de mes se celebra o Faladoiro- cara á praza San Ildefonso á beira da igrexa na que casou Rosalía con Manuel Murguía.

 

Na praza, unha emocionada Mariví Villaverde líanos o Manifesto que enviara a AELG.

 

 

O acto continuaba coa lectura, recital e canto de poemas de Rosalía.

Velaí unha pequena mostra da homenaxe na que participa tamén o noso alumnado:

Encamiñámonos despois cara á rúa Ballesta onde tamén viviu a poeta:

 

 

 

 

 

Máis fotos da Homenaxe a Rosalía de Castro en Madrid -grazas a Martiña Gónzalez-  na páxina do Centro de Estudos Galegos (UCM).

 

Con Rosalía no Espazo das Linguas

Rosalía de Castro (Santiago de Compostela,1837 – Padrón 1885).

O 24 de febreiro celébrase o aniversario de Rosalía de Castro. E este ano cúmprense 150 da publicación de Cantares Gallegos

 

ALBORADA
Vaite, noi-
te, -vai fuxin-
do, -Vente, auro-
ra, -vente abrin-
do, -co teu ros-
tro-que, sorrin-
do, -¡¡¡a sombra espanta!!!
Cantares Gallegos (1863)

 

¡SOIA!
Eran craro-los días,
risoña-las manáns,
i era a tristeza súa
negra coma a orfandá.
Íñase á mañecida,
tornaba coa serán…;
mais que fora ou viñera
ninguén llo iña esculcar.
Tomou un día leve
camiño do areal…
Como naide a esperaba,
ela non tornóu máis.
Ó cabo dos tres días,
botóuna fora o mar,
i alí onde o corvo pousa,
soia enterrada está.

Follas Novas (1880)

 

Así aprendemos a ler en galego coa obra de Rosalía no Espazo das Linguas Ibéricas:

Máis información  sobre Rosalía na Fundación Rosalía de Castro e na páxina da Asociación de Escritoras e escritores en lingua galega, na da  Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega.

 

Así foi “Rafa Yáñez Jato: Poesía en galego desde Madrid”

 

 

Rafa Yáñez Jato, un poeta novo da Terra Chá que vive en Madrid, visitounos o día 13 de decembro.

 

 

Pilar Fernández Carballido anunciábanos o encontro con este cartel.

 

“[…] Este escritor e poeta é un dos membros do Grupo Bilbao -grupo formado por galegos e amantes do galego que desde Madrid escriben na nosa lingua-. Rafa escribe e sente en galego […].

Así nos presentaba Carmen Marcos o poeta. Podedes ler as palabras que esta muller lle dedicou se premedes aquí.

A Da Chá ao lonxe pertencen estes versos:

A Chá ten sabor
a augardente
cun regusto de dorna baleira

e

soségame
un teu aloumiño
nos teus ollos
de choiva

 

Podedes ler aquí a intervención de Rafa Yáñez, os seus poemas, e lembrar o encontro tamén con estes vídeos: