Primavera, poesía

HOXE CHEGOU

Hoxe o Mundo espreguízase do longo inverno,
florece na rúa a risa dos nenos,
hoxe o peito dos mozos énchese de latexos desacougantes
contemplando os corpos xeitosos das rapazas,
hoxe as mozas pasan coa lixeireza despreocupada do reiseñor
que na beira da miña xanela,
de xeito infalible antes do abrente, espértame.
Hoxe os vellos saen á beirarrúa para quentarse coa raiola  nova,
as nais cantan e tenden a roupa fragrante ao sol,
Hoxe os homes remangan a camisa e apertan os seus fillos.
Xa desaparecen gravatas, xa caen medias,
xa xorden colos, brazos e pernas,
amósanse tornecelos e xeonllos.
Xa as linguas se alongan despreocupadamente
facendo poesía con descaro.

HOXE O MUNDO  É POESÍA
porque xa, hoxe, inconsciente, doce e alegre,
chegou a Primavera.

21 de Marzo de 2003
Elena Urraca Villalva Quintana (Celga3)

 

 

Da noite o marqués

O teu andar fina estampa,
a túa mirada a do demo,
do po branco era o brillo,
do negro fume o cheiro.

Viña eu do silencio,
de ver sempre o mesmo ceo,
afoguei o medo no mar
violento dos teus desexos.

Saín co corpo malferido,
a inxenuidade baleira,
atrás quedaba o demo
debuxándome na area.

                                  Beatriz Doldán Varela (Celga1)

 

Fío entre as mans

 

 

Fío entre as mans

Quero escribir sobre ti e non me deixas,
xogos florais e rimas graciosas cuspidas nos ollos e na boca.
“Déixate de rosas e discursos!, -espétasme-,
que se queredes homenaxes, quitádeme horas de xornal,
compartide os nenos e os anciáns que son de todos,
convertede a agulla e a tixola en libros e camiños ceibes,
deixándome rir, ás veces chorar, deixándome vivir, e non só soñar.
E xa se cadra, ti que escribes con boa letra, mándalle recordos
dunha costureira a Amancio.
Dille que non esqueza as nosas mans nin a nosa terra”.

Beatriz Doldán Varela (Celga 1)