A páxina da “Casa Leiro” xa está en galego!

 

“Casa Leiro,a súa casa de produtos galegos en Madrid. A tenda especializada”.

 

 

Toda a información en galego, compróbao aquí:

Casa Leiro. Produtos galegos en Madrid

 

Empanada de xouba, queixo do Cebreiro, amendoados, augardentes…

 

 

 

“Graciñas compañeiras e compañeiros do Curso de galego Celga 2 (AA. 2012-2013) por axudarme a traducila”.
              Xosé Luís Mariño Domínguez (Celga2)

 

 

O “Celso Emilio Ferreiro” de Móstoles chegou ao Espazo das Linguas

A nosa alumna Teresa Lorenzo descubríanos hai uns meses que en Móstoles hai un colexio chamado “Celso Emilio Ferreiro”, que alí se conta e se canta en galego, que alí traballa unha galega…
O día 4 de abril Montse Vázquez, mestra dese colexio, viña compartir con nós o seu traballo.
Viña moi ben acompañada!

Luz e Mario chegaron coa súa mestra para contarnos a historia do colexio:

Velaquí varios momentos da presentación do “Celso Emilio Ferreiro” no Espazo das Linguas Ibéricas:

 

Podedes ver un resumo das actividades elaboradas por Montse Vázquez, xunto aos mestres e ao alumnado do colexio: Entroido, Nadal…e a celebración do centenario de Celso Emilio Ferreiro, se premedes nesta ligazón:

CEIP “Celso Emilio Ferreiro” de Móstoles

 

Días despois… Beatriz Doldán Varela, unha das nosas alumnas, fixo esta “crónica”:

A lingua das bolboretas
Verei se queren vir as palabras para escribir unha crónica, que andan enredadas nos sentimentos espertados por unha mestra agarimosa, Montse Vázquez. Acompañada pola súa tenrura e tenacidade, chegou o pasado xoves ata o Espazo das Linguas Ibéricas para amosarnos o seu traballo, dunha riqueza e valentía sorprendentes.

Aquela nena, a quen quixeron facer “a máis caladiña da clase”, ergueuse como unha muller doce e voluntariosa capaz de converter unha escola de Móstoles nunha vila galega e de escribir liñas fermosas como o voo dunha anduriña.

Aínda me parece escoitar a Rianxeira, ver os murais e a torta para Celso Emilio, que é mellor celebrar os centenarios con tortas que con flores, outro ensino do sentido gozoso da vida de Montse Vázquez.

Aínda camiño baixo o silencio dunha Longa noite de pedra, recitada por dous nenos en perfecta sincronía. Nenas e nenos, os do Colexio Celso Emilio Ferreiro, que iluminan coa luz do día as sombras da morriña.

Gardo dentro a inmensa aperta que nos deron dúas persoíñas grandes, de oito anos e medio, que nos agasallaron cun conto, recitado con acento galego e “gracejo” madrileño.

Fomos, o alumnado do Espazo, ondas lambendo agora o abraio e o gozo, logo o riso e a bágoa. Non tiñamos corazón para tanto! Que aquela tarde chegaramos feridos de distancia e saímos sandados pola tenrura dunha mestra e unha infancia.

Na rúa, xa de noite, respirábase, por unha vez, o mesmo aire que nas carballeiras.

A choiva acariñaba as meixelas.

Foi, entón, cando souben que a lingua das bolboretas era galega.

Beatriz Doldán Varela (Celga1)