Recital poético de Yolanda López na Casa de Galicia

Tántalo

O próximo día 13 de novembro ás 19:00 horas terá lugar na Casa de Galicia en Madrid un recital poético da escritora Yolanda López, baseado no seu libro Tántalo, co que gañou o III Premio de Poesía Manuel López Ardeiro do Concello de Negreira.

Alén da autora, na presentación falarán os escritores Vicente Araguas e Manuel Pereira. Tamén terá lugar a actuación do guitarrista Pablo Pollo.

Nomes de galeg@s e galaic@s, pola Asociación Cultural Fillos de Galicia

A Asociación Cultural Fillos de Galicia comunícanos a publicación do seu traballo Nomes galegos de hoxe e onte. Antropónimos galegos e galaicos. En palabras da propia asociación:

nomes galegos

O traballo é froito do continuado interese na nosa asociación pola difusión da antroponimia galega entre todos os galegos, especialmente entre aqueles descentes de galegos interesados na cultura dos seus antergos. Pode sorprender a escasa presenza de nomes galegos entre os fillos e netos da nosa diáspora, pero se ollamos cara o propio país, veremos que tamén son minoritarios os galicianos e galicianas que levan un nome recoñeciblemente galego. Un motivo disto, entre outros, coidamos que é o descoñecemento da riqueza do noso patrimonio onomástico.

O libro ofrece unha das compilacións máis extensas de nomes galegos de persoa, partindo dos máis coñecidos e comúns a outras linguas ata os máis remotos nomes da Gallaecia prerromana, pasando por diversos nomes medievais e propostas para enriquecermos a nosa antroponimia.

A publicación está accesíbel en formato Web nesta ligazón: http://antroponimia.degalicia.org. Tamén indican que se alguén estiver interesado en obter o libro en papel, pode pedilo á Asociación a través dos contactos indicados na Web.