Enfiando palabras

A foto daquel encontro previo a Nadal parecía, de súpeto, a da Última Cea. Ao despedírmonos a finais de novembro cun “Vémonos nas clases, en xaneiro!” non sospeitabamos que as portas da Casa de Galicia en Madrid estarían pechadas para os nosos cursos á volta do ano. Soubémolo apenas uns días despois e non entendemos nada. Seguimos sen entender porque seguimos sen respostas.

Pero portas hai moitas e cando O único que queda é o amor -Agustín Fernández Paz-, atópanse novos e ilusionantes camiños. Lembramos, entón, aquel ensino do Club da Calceta, de María Reimóndez, e algunhas compañeiras tomaron as espitas. Sen os efectos colaterais da novela. Soamente dispostas, e non é pouco, a enfiar palabras. E así, elas e quen queira tirar do fío, dirixímonos ao Xantar Ben, cuxas portas están abertas, para alimentar corpo e alma. Xente de aquí e de acolá -Álvaro Cunqueiro- que non quere enarborar a bandeira branca. Nunha mesa fundadora repartimos palabras novas e ribeiro, plans e zorza. Buscamos nomes e espazos, non as razóns para seguir vivos, que as levamos no corazón, e por fin, nun berce de fíos e letras, viu a luz un novo proxecto.

Enfiando palabras. Grupo

Foto: Pepa Cid

Temos o pracer de darvos a coñecer este novo grupo, Enfiando palabras, onde cada xoves ás 19:30, no Xantar Ben, falamos castrapo, barallete e o que poida bo galego. Porque temos moito que falar en galego en Madrid.

La e libros

Foto: Carme Lamela

 

Así, tecendo e destecendo, cal Penélopes agardando a volta das clases que perdemos, seguimos a defender a nosa lingua.

Porque, acaso é posible deixar de facer o que se ama?

Beatriz D. Varela

 

Resposta da SXPL a ProLingua sobre a suspensión dos cursos de galego en Madrid

O pasado 5 de xaneiro ProLingua -Plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega- dirixiuse á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia despois de saber que case cen persoas matriculadas nos catro cursos de galego do Espazo das Linguas Ibéricas-Casa de Galicia en Madrid  non poderían comezar as clases en xaneiro, como estaban programadas, “por razóns organizativas e xurídicas”, tal como comunicou a SXPLLogo Plataforma ProlinguaProLingua “solicitaba no seu escrito información sobre as intencións da SXPL en relación con estas actividades e pedía que canto antes se reconsiderase a súa suspensión, xa que isto supoñía deixar abandonado un bo quiñón de persoas que optaron por dedicar parte do seu tempo a aprenderen o noso idioma; ademais, implicaba prescindir dun importante foco irradiador da lingua e da cultura galegas na capital do Estado”.

Velaquí o comunicado de ProLingua:
Suspensión dos cursos de lingua galega no Espazo das Linguas Ibéricas en Madrid

Foto 13-01-2015b

 

Hoxe, 21 de xaneiro de 2015, ProLingua publica que recibiu unha carta asinada por Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, na que este afirmaba que “en ningún caso se trata dunha suspensión da formación […] senón que estamos ante un aprazamento que ten que ver con cuestións relacionadas cunha nova planificación e deseño da impartición destes cursos, que agardamos poder ofertar á maior brevidade posible”.

Así o anuncia ProLingua na súa páxina:
A Xunta de Galicia agarda ofertar en breve os cursos de galego en Madrid

ProLingua desexa “que se solucione canto antes este problema e que a SXPL da Xunta de Galicia cumpra a súa palabra e restaure os cursos do Espazo das Linguas Ibéricas, tan demandados, e que deixaron case un cento de persoas á espera de recibir clases de lingua galega en Madrid”.

Primeiro día sen aulas de galego 2015 na Casa de Galicia en Madrid

Foto 13-01-2015b

Hoxe, 13 de xaneiro, era o primeiro día de aulas de preparación dos cursos de galego Celga 2015, en Madrid.

Non se puideron dar porque a Xunta de Galicia decidiu suspender os cursos, despois de anunciados e despois de transcorrer o período de inscrición, con case 100 persoas inscritas para todas as aulas.

Non sabemos até cando é a suspensión, se vai haber ou non cursos, nin se vai haber ou non exames Celga 2015 en Madrid.

Moitas persoas á espera dunha resposta da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Presentación de “Galleira Passport” de Luís Menéndez

O escritor e xornalista ourensán Luís Menéndez Villalba -autor de Toda a Terra é dos homes. Galegos no Mundo- vén a Madrid para presentarnos Galleira Passport. Crónicas viaxeiras do século XXI (Alvarellos Editora).

Xunto ao autor intervirán o escritor e xornalista Carlos G. Reigosa e o editor Henrique Alvarellos.

GalleiraO xoves, 15 de xaneiro, ás 19:00 horas na Casa de Galicia en Madrid (Casado del Alisal, 8)

 

O acto estaba previsto, nun principio, para que coincidise coas clases de Lingua e cultura galega que debían comezar esta semana. Como sabedes, estes cursos están suspendidos ata novo aviso, así que mentres anímovos a que gocedes deste “pasaporte galego“.