Día de Rosalía de Castro 2015 en Madrid

Un ano máis, e van tres, acudimos á chamada da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e do Grupo Bilbao para celebrarmos o Día de Rosalía de Castro.

EuSonRosalia___1

Palabras sabias de Vicente Araguas sobre a autora de Cantares gallegos nunha tarde madrileña fría.

“…que cante e que cante
na lingua que eu falo…”
líanos Manuel Pereira Valcárcel no Manifesto da AELG.

Grupo

Lendo en Ballesta, 13, Madrid

Rafa le

Rafa Yáñez, un repoludo gaiteiro

Galegos e galegas, poetas e alumnado van lendo a Rosalía, e Marta Beceiro canta os seus versos.

Marta canta

Marta Beceiro canta a Rosalía

E para rematar, como xa ben sendo costume, peregrinaxe ata San Ildefonso, como fixera Rosalía para casar con Manuel Murguía en 1858.

Día de Rosalía 2015

Diante da igrexa de San Ildefonso

Terceiro aniversario do Blogue “Galego en Madrid”

Logo3Aniversario

 

Febreiro de 2015. O Blogue, con maiúsculas, está de aniversario.

Hai xa tres anos que se abriron as portas desta casa onde tanta xente madrigalega esquecemos a distancia. Onde, cal Marco Polos da Ruta Rosaliana, intercambiamos letras, mel e contos, todo ao longo da N-VI e parte do estranxeiro.

Sinto que ten a pretensión este lugar virtual de ser a Casa Grande onde está representada cada aldea, cada vila mariñeira e cada pedra granítica que enlousa a cidade. O fogar común onde compartir o amor pola lingua e a terra.

A piques estivemos de quedar sen celebración a causa da suspensión dos cursos de galego. O “aprazamento” é tan longo que o corazón debe loitar diariamente contra o sentimento de derrota. Mais chegan tantos apoios que non podemos senón festexar a fortuna de ter este espazo de encontro.

Grazas ao Blogue, a nosa barca síntese protexida aínda que a mar estea revolta. É, agora mesmo, a nosa necesaria áncora na tormenta.
Xa que logo, dende este porto sen mar, Moita Felicidade e moitos anos de vida!

 

                                                Asinado:

    Unha alumna expectante ante a “reestruturación das actividades formativas”

 

Debate no Parlamento de Galicia sobre os cursos de galego en Madrid

O 18 de febreiro debateuse na Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia unha iniciativa presentada por Carmen Iglesias Sueiro, deputada do Grupo Mixto, instando á Xunta de Galicia a realizar os cursos de galego suspendidos no Espazo das Linguas Ibéricas- Casa de Galicia en Madrid.

A proposta foi rexeitada polos 8 votos en contra da maioría absoluta do PP, fronte aos 6 votos a favor do resto dos grupos políticos.

 

A continuación vai documento coa iniciativa rexeitada e ligazón ao vídeo da sesión na Comisión:

Proposión non de lei-1

Proposión non de lei-2

Proposión non de lei-3

Vídeo sobre o debate na Comisión 4ª de Educación e Cultura no Parlamento de Galicia do día 18/02/2015

 
 

Xoves de Entroido en Enfiando Palabras

Pouco a pouco foron marchando e, sen comelo nin bebelo, quedamos soas.

Entroido2

Foto: Xantar Ben

 

Que digo!:

“Come, bebe e ponte gorda. E cando te chamen, faite a xorda!”.

Dilixentes, pedimos empanadas para que baixase mellor o viño, deixando a un lado o refrán:

“Día de Entroido. Domingo de Pascua. Cada larpeiro na súa casa”.

Nós estabamos na común, con espíritu rebuldeiro e poucas ganas de calar:

“A muller que é caladiña,
non di nada de ninguén,
canto máis baixiño mira,
cantos máis amores ten.”

Entroido

Foto: Beatriz D. Varela

 

Logo veñen os grelos por San Valentín. E que ricos están!

Comezamos a viaxar:

“Ir para abaixo non quero,
aínda que os santos me axuden.
Quero ir sempre para arriba,
que tamén os santos suben”.

As provincias quedaban pequenas:

“En Madrid, con ser Madrid,
se un marqués se corta un dedo,
botará sangue encarnado
coma calquera galego.”

E coas filloas xa queriamos ir máis lonxe:

“Teño que ir a Bos Aires,
aínda que sexa por un ano.
Aínda que non traia diñeiro,
traerei ar americano.”

Varias copas de albariño despois, a emoción embriagábanos e recolliamos, ao ditado, cántigas de Don Carnal. Mais pecha a porta, Maruxiña, que xa está preto Dona Coresma, e non queremos que haxa lume onde antes había letras.

Foi así como, entre ditos galegos e croquetas de cabrales, celebramos todas xuntas o Xoves de Comadres.

Porque quitaríannos os cursos pero a esmorga non.

#EnfiandoPalabras