Maio longo

Un maio que comeza coa estrea d’ A Esmorga de Ignacio Vilar en Madrid, cine galego, en galego, cine universal, ao que lle desexamos moito éxito.
Un maio que nos trae o humor galego, en galego, con Alberte Montes, quen de Anguieiros a Cataluña, se achegou a Madrid; viría roendo nos caramelos da Pilarica!
Un maio filosófico, das Pontes co diaño de Ignacio Castro, o 25 no Círculo de Bellas Artes.
Un maio con libros, libros galegos e casteláns na Feria del Libro de Madrid. Alí estarán María Solar, polo seu Lazarillo, moitos parabéns!; Elena Gallego Abad e o seu dragón galego, Dragal, xa vai co IV!; e sabe Deus cantos máis galegos se achegarán á Feria del Libro. Traede paraugas, xa sabedes que sempre chove!

Verza galega no Botánico

Verza galega no Botánico

 

E maio é Comunidade, San Isidro, Festa de Móstoles, Marisco de Alcobendas, de Tres Cantos…

E maio é o mes das flores, aí está o Botánico Real coa súa verza galega.

E tamén o Matadero coa Feira Botánica.

 

E maio é o mes das Letras, non nos esquezamos. No Ateneo celébranas o 14, á EOI tócalle o 20, no Centro de Estudos Galegos da UCM xa as festexaron. Na Casa de Galicia unha mostra do homenaxeado este ano, Xosé Filgueira Valverde, preside a entrada.

E nós? Irémonos felicitando, un 17, un 29, un maio longo, un maio máis.

Roseira20150514_110246

Roseira madrileña

Maio longo…, maio longo,
todo cuberto de rosas:
para algús telas de morte;
para outros, telas de vodas.
Maio longo, maio longo,
fuches curto para min:
veu contigo a miña dicha,
volveu contigo a fuxir.

Rosalía de Castro, Follas Novas (Vigo: Galaxia)

A señora Carmen –Malvela– cantaba así o “Maio longo” no programa Alalá da TVG: