Das aulas ao Parlamento

NO PARLAMENTO DE GALICIA FÁLASE DOS CURSOS DE GALEGO EN MADRID

O pasado 4 de marzo, na comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia, ás 10:30, volveuse falar dos cursos suspendidos de Galego en Madrid. Carmen Iglesias Sueiro do GM formulou unha pregunta que respondeu o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez.
Velaquí o vídeo da intervención no Parlamento

Moitas grazas, Sra. Carmen Iglesias, por interesarse pola problemática dos nosos cursos.
Moitas grazas, Sr. Valentín García, por responder as preguntas do Grupo Mixto.

Permítanme lembrarlles que os cursos de Cultura comezaron no Espazo das Linguas Ibéricas no ano 2010, non son unha actividade nova que empezase no 2014 na Casa de Galicia en Madrid, onde se trasladaron o pasado ano. Cursos suspendidos ou  aprazados polo momento.

Comecei a impartir os cursos CELGA no Espazo das Linguas Ibéricas -antes Casa das Linguas- no 2006 e os cursos de “Lingua e Cultura” no 2010.

Lembrarán as actividades culturais que organicei e nas que participamos do 2010 ao 2013 (Espazo das Linguas Ibéricas, Instituto Homeopático da UAH). Non cómpre esquecer o alumnado nin os participantes, que acudiron de maneira desinteresada. Algúns destes actos son:

  • Celebración das Letras Galegas 2011, 2012, 2013, e 2014 -xa na Casa de Galicia-.
  • Celebracións anuais: Magosto, Entroido, os Maios, san Xoán
  • Presentacións de libros :
  • Tatuaxes de Manuel Pereira, Unha troita de pé de Silvia Bardelás, Ramón Piñeiro, os días ocultos de Daniel Ameixeiro, Dragal de Elena Gallego Abad , Cando fóramos nevar de Vicente Araguas, etc.

  • Conferencias e recitais:
    Rafa Carracedo: A gaita e a requinta, Luz Pichel, Francisco Castro,Carlos Reigosa, Rafa Yáñez,O galego no CEF de Móstoles, etc.
  • Concertos:
    Samuel Diz, Maghúa, Uxía, Xoán Curiel, Manu Clavijo, etc.
  • Cine:
    O apóstolo, Curtametraxes de Pablo Cacheda de Paz,
    A aldea de Ignacio Vilar, etc.
  • Homenaxe a Díaz Pardo
  • Asistencia co alumnado a actividade cultural na Feria del Libro de Madrid, na Complutense, no Ateneo, na Casa del Lector, na Casa de Galicia, en Aturuxo Tenda Galega, con Xosé Neira Vilas e con Valentín García en Galicia, etc.
  • Neste blogue, nas redes sociais Facebook, Twitter, na canle de  You Tube -medios que creamos coa colaboración do alumnado pero sen axuda institucional-  pódese repasar toda a actividade cultural que fixemos durante estes anos.

    Na Web da Xunta tamén se recolle información destes cursos de “Lingua e cultura”.

    O alumnado acompañounos das sedes anteriores -Trinitarias, International House, Instituto Homeopático- á Casa de Galicia en Madrid -AA 2013-2014- .

    RecitalPoéticoMulleresNaTerra14.jpg

    Parte do público que asiste á presentación de "O CORAZÓN DA BRANCA DE NEVE" de Francisco Castro

    Custou anos formar un grupo e mantelo, perder a confianza da xente é unha mágoa.

    Moitas grazas,
    Carme Lamela Villaravid.

    Presentación de “Galleira Passport” de Luís Menéndez

    O escritor e xornalista ourensán Luís Menéndez Villalba -autor de Toda a Terra é dos homes. Galegos no Mundo- vén a Madrid para presentarnos Galleira Passport. Crónicas viaxeiras do século XXI (Alvarellos Editora).

    Xunto ao autor intervirán o escritor e xornalista Carlos G. Reigosa e o editor Henrique Alvarellos.

    GalleiraO xoves, 15 de xaneiro, ás 19:00 horas na Casa de Galicia en Madrid (Casado del Alisal, 8)

     

    O acto estaba previsto, nun principio, para que coincidise coas clases de Lingua e cultura galega que debían comezar esta semana. Como sabedes, estes cursos están suspendidos ata novo aviso, así que mentres anímovos a que gocedes deste “pasaporte galego“.

     

    Crónica poética da mostra de Virxilio Viéitez

    Máis de 300 fotografías de Virxilio Viéitez acompañáronnos durante uns meses en Madrid.

    Exposición Virxilio Viéitez en Madrid no Espacio Fundación Telefónica.

    Visitamos a mostra co alumnado do Espazo das Linguas Ibéricas.

    Velaquí a crónica poética que fixo unha alumna:

    VIÉITEZ

    As fotos como vísceras secando ao sol
    dunha casquería de luxo.
    Os soños mortos baixo as pálpebras caídas
    das mulleres vellas,
    mentres os cardados imposíbeis das aínda tenras
    parecen querer fuxir
    dun futuro certo.
    Os gourmets da cultura chegan buscando antropoloxía,
    e sorrín ante a tribo
    dende a levidade da pedantería.
    Un rapaz mesetario,
    o hemisferio dereito afeitado e o xeito alternativo,
    pásmase:
    – ¿Lo ves, tía? Lo que yo te digo:
    ¡Los viejos gallegos no tienen vértebras!

    Beatriz Doldán Varela
    (CELGA 1)

     

    Primavera, poesía

    HOXE CHEGOU

    Hoxe o Mundo espreguízase do longo inverno,
    florece na rúa a risa dos nenos,
    hoxe o peito dos mozos énchese de latexos desacougantes
    contemplando os corpos xeitosos das rapazas,
    hoxe as mozas pasan coa lixeireza despreocupada do reiseñor
    que na beira da miña xanela,
    de xeito infalible antes do abrente, espértame.
    Hoxe os vellos saen á beirarrúa para quentarse coa raiola  nova,
    as nais cantan e tenden a roupa fragrante ao sol,
    Hoxe os homes remangan a camisa e apertan os seus fillos.
    Xa desaparecen gravatas, xa caen medias,
    xa xorden colos, brazos e pernas,
    amósanse tornecelos e xeonllos.
    Xa as linguas se alongan despreocupadamente
    facendo poesía con descaro.

    HOXE O MUNDO  É POESÍA
    porque xa, hoxe, inconsciente, doce e alegre,
    chegou a Primavera.

    21 de Marzo de 2003
    Elena Urraca Villalva Quintana (Celga3)

     

     

    Da noite o marqués

    O teu andar fina estampa,
    a túa mirada a do demo,
    do po branco era o brillo,
    do negro fume o cheiro.

    Viña eu do silencio,
    de ver sempre o mesmo ceo,
    afoguei o medo no mar
    violento dos teus desexos.

    Saín co corpo malferido,
    a inxenuidade baleira,
    atrás quedaba o demo
    debuxándome na area.

                                      Beatriz Doldán Varela (Celga1)

     

    Fío entre as mans

     

     

    Fío entre as mans

    Quero escribir sobre ti e non me deixas,
    xogos florais e rimas graciosas cuspidas nos ollos e na boca.
    “Déixate de rosas e discursos!, -espétasme-,
    que se queredes homenaxes, quitádeme horas de xornal,
    compartide os nenos e os anciáns que son de todos,
    convertede a agulla e a tixola en libros e camiños ceibes,
    deixándome rir, ás veces chorar, deixándome vivir, e non só soñar.
    E xa se cadra, ti que escribes con boa letra, mándalle recordos
    dunha costureira a Amancio.
    Dille que non esqueza as nosas mans nin a nosa terra”.

    Beatriz Doldán Varela (Celga 1)