Das aulas ao Parlamento

NO PARLAMENTO DE GALICIA FÁLASE DOS CURSOS DE GALEGO EN MADRID

O pasado 4 de marzo, na comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia, ás 10:30, volveuse falar dos cursos suspendidos de Galego en Madrid. Carmen Iglesias Sueiro do GM formulou unha pregunta que respondeu o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez.
Velaquí o vídeo da intervención no Parlamento

Moitas grazas, Sra. Carmen Iglesias, por interesarse pola problemática dos nosos cursos.
Moitas grazas, Sr. Valentín García, por responder as preguntas do Grupo Mixto.

Permítanme lembrarlles que os cursos de Cultura comezaron no Espazo das Linguas Ibéricas no ano 2010, non son unha actividade nova que empezase no 2014 na Casa de Galicia en Madrid, onde se trasladaron o pasado ano. Cursos suspendidos ou  aprazados polo momento.

Comecei a impartir os cursos CELGA no Espazo das Linguas Ibéricas -antes Casa das Linguas- no 2006 e os cursos de “Lingua e Cultura” no 2010.

Lembrarán as actividades culturais que organicei e nas que participamos do 2010 ao 2013 (Espazo das Linguas Ibéricas, Instituto Homeopático da UAH). Non cómpre esquecer o alumnado nin os participantes, que acudiron de maneira desinteresada. Algúns destes actos son:

  • Celebración das Letras Galegas 2011, 2012, 2013, e 2014 -xa na Casa de Galicia-.
  • Celebracións anuais: Magosto, Entroido, os Maios, san Xoán
  • Presentacións de libros :
  • Tatuaxes de Manuel Pereira, Unha troita de pé de Silvia Bardelás, Ramón Piñeiro, os días ocultos de Daniel Ameixeiro, Dragal de Elena Gallego Abad , Cando fóramos nevar de Vicente Araguas, etc.

  • Conferencias e recitais:
    Rafa Carracedo: A gaita e a requinta, Luz Pichel, Francisco Castro,Carlos Reigosa, Rafa Yáñez,O galego no CEF de Móstoles, etc.
  • Concertos:
    Samuel Diz, Maghúa, Uxía, Xoán Curiel, Manu Clavijo, etc.
  • Cine:
    O apóstolo, Curtametraxes de Pablo Cacheda de Paz,
    A aldea de Ignacio Vilar, etc.
  • Homenaxe a Díaz Pardo
  • Asistencia co alumnado a actividade cultural na Feria del Libro de Madrid, na Complutense, no Ateneo, na Casa del Lector, na Casa de Galicia, en Aturuxo Tenda Galega, con Xosé Neira Vilas e con Valentín García en Galicia, etc.
  • Neste blogue, nas redes sociais Facebook, Twitter, na canle de  You Tube -medios que creamos coa colaboración do alumnado pero sen axuda institucional-  pódese repasar toda a actividade cultural que fixemos durante estes anos.

    Na Web da Xunta tamén se recolle información destes cursos de “Lingua e cultura”.

    O alumnado acompañounos das sedes anteriores -Trinitarias, International House, Instituto Homeopático- á Casa de Galicia en Madrid -AA 2013-2014- .

    RecitalPoéticoMulleresNaTerra14.jpg

    Parte do público que asiste á presentación de "O CORAZÓN DA BRANCA DE NEVE" de Francisco Castro

    Custou anos formar un grupo e mantelo, perder a confianza da xente é unha mágoa.

    Moitas grazas,
    Carme Lamela Villaravid.

    Xoves de Entroido en Enfiando Palabras

    Pouco a pouco foron marchando e, sen comelo nin bebelo, quedamos soas.

    Entroido2

    Foto: Xantar Ben

     

    Que digo!:

    “Come, bebe e ponte gorda. E cando te chamen, faite a xorda!”.

    Dilixentes, pedimos empanadas para que baixase mellor o viño, deixando a un lado o refrán:

    “Día de Entroido. Domingo de Pascua. Cada larpeiro na súa casa”.

    Nós estabamos na común, con espíritu rebuldeiro e poucas ganas de calar:

    “A muller que é caladiña,
    non di nada de ninguén,
    canto máis baixiño mira,
    cantos máis amores ten.”

    Entroido

    Foto: Beatriz D. Varela

     

    Logo veñen os grelos por San Valentín. E que ricos están!

    Comezamos a viaxar:

    “Ir para abaixo non quero,
    aínda que os santos me axuden.
    Quero ir sempre para arriba,
    que tamén os santos suben”.

    As provincias quedaban pequenas:

    “En Madrid, con ser Madrid,
    se un marqués se corta un dedo,
    botará sangue encarnado
    coma calquera galego.”

    E coas filloas xa queriamos ir máis lonxe:

    “Teño que ir a Bos Aires,
    aínda que sexa por un ano.
    Aínda que non traia diñeiro,
    traerei ar americano.”

    Varias copas de albariño despois, a emoción embriagábanos e recolliamos, ao ditado, cántigas de Don Carnal. Mais pecha a porta, Maruxiña, que xa está preto Dona Coresma, e non queremos que haxa lume onde antes había letras.

    Foi así como, entre ditos galegos e croquetas de cabrales, celebramos todas xuntas o Xoves de Comadres.

    Porque quitaríannos os cursos pero a esmorga non.

    #EnfiandoPalabras

    A páxina da “Casa Leiro” xa está en galego!

     

    “Casa Leiro,a súa casa de produtos galegos en Madrid. A tenda especializada”.

     

     

    Toda a información en galego, compróbao aquí:

    Casa Leiro. Produtos galegos en Madrid

     

    Empanada de xouba, queixo do Cebreiro, amendoados, augardentes…

     

     

     

    “Graciñas compañeiras e compañeiros do Curso de galego Celga 2 (AA. 2012-2013) por axudarme a traducila”.
                  Xosé Luís Mariño Domínguez (Celga2)

     

     

    Adeus, ATURUXO!

     

    Vaite febreiriño curto,
    cos teus días vinteoito,
    que se tiveras máis catro
    non quedaba can nin gato.

     

     

    Hai 14 meses uns ilusionados María Carreira e Diego Castelao abríannos as portas de Aturuxo Tenda Galega en Madrid. Alí  Edu Carreira amosounos a súa arte, alí cantamos con Uxía, Serxio Tannus e Carlos Blanco, alí coñecemos a Xoán Curiel, alí soou o violín de Manu Clavijo homenaxenando a Lois Pereiro, alí as sachas vibraron con Maghúa, alí presentaron os seus libros Xavier Frías, Francisco Castro, e os membros do Grupo Bilbao, alí Inacio presentounos a Castelao.

    Alí os nosos alumnos e alumnas achegáronse á cultura galega en Madrid, así describía Rebeca Aturuxo, a nosa alumna cega. Alí gravamos recomendacións lectoras para o proxecto Kuentalibros, alí Elena Gallego creou a cadea Salvemos Aturuxo.

    Non lle deu tempo a Luz Pichel nin a Samuel Diz, nin a Manuel Pereira de presentar novas obras.

    A crise?

    A cultura non se vende nin se compra!

    Alí emocinábannos Diego e Ricardo Pichel interpretando esta peza celta:

    .

    Alí podías atopar discos, libros, artesanía galega e moito agarimo.

    Velaquí unha pequena mostra fotográfica de Aturuxo Tenda Galega.

     

    Bo Camiño, Diego!

     

     

     

    Diego Castelao. Foto: Ricardo Pichel