Das aulas ao Parlamento

NO PARLAMENTO DE GALICIA FÁLASE DOS CURSOS DE GALEGO EN MADRID

O pasado 4 de marzo, na comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia, ás 10:30, volveuse falar dos cursos suspendidos de Galego en Madrid. Carmen Iglesias Sueiro do GM formulou unha pregunta que respondeu o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez.
Velaquí o vídeo da intervención no Parlamento

Moitas grazas, Sra. Carmen Iglesias, por interesarse pola problemática dos nosos cursos.
Moitas grazas, Sr. Valentín García, por responder as preguntas do Grupo Mixto.

Permítanme lembrarlles que os cursos de Cultura comezaron no Espazo das Linguas Ibéricas no ano 2010, non son unha actividade nova que empezase no 2014 na Casa de Galicia en Madrid, onde se trasladaron o pasado ano. Cursos suspendidos ou  aprazados polo momento.

Comecei a impartir os cursos CELGA no Espazo das Linguas Ibéricas -antes Casa das Linguas- no 2006 e os cursos de “Lingua e Cultura” no 2010.

Lembrarán as actividades culturais que organicei e nas que participamos do 2010 ao 2013 (Espazo das Linguas Ibéricas, Instituto Homeopático da UAH). Non cómpre esquecer o alumnado nin os participantes, que acudiron de maneira desinteresada. Algúns destes actos son:

  • Celebración das Letras Galegas 2011, 2012, 2013, e 2014 -xa na Casa de Galicia-.
  • Celebracións anuais: Magosto, Entroido, os Maios, san Xoán
  • Presentacións de libros :
  • Tatuaxes de Manuel Pereira, Unha troita de pé de Silvia Bardelás, Ramón Piñeiro, os días ocultos de Daniel Ameixeiro, Dragal de Elena Gallego Abad , Cando fóramos nevar de Vicente Araguas, etc.

  • Conferencias e recitais:
    Rafa Carracedo: A gaita e a requinta, Luz Pichel, Francisco Castro,Carlos Reigosa, Rafa Yáñez,O galego no CEF de Móstoles, etc.
  • Concertos:
    Samuel Diz, Maghúa, Uxía, Xoán Curiel, Manu Clavijo, etc.
  • Cine:
    O apóstolo, Curtametraxes de Pablo Cacheda de Paz,
    A aldea de Ignacio Vilar, etc.
  • Homenaxe a Díaz Pardo
  • Asistencia co alumnado a actividade cultural na Feria del Libro de Madrid, na Complutense, no Ateneo, na Casa del Lector, na Casa de Galicia, en Aturuxo Tenda Galega, con Xosé Neira Vilas e con Valentín García en Galicia, etc.
  • Neste blogue, nas redes sociais Facebook, Twitter, na canle de  You Tube -medios que creamos coa colaboración do alumnado pero sen axuda institucional-  pódese repasar toda a actividade cultural que fixemos durante estes anos.

    Na Web da Xunta tamén se recolle información destes cursos de “Lingua e cultura”.

    O alumnado acompañounos das sedes anteriores -Trinitarias, International House, Instituto Homeopático- á Casa de Galicia en Madrid -AA 2013-2014- .

    RecitalPoéticoMulleresNaTerra14.jpg

    Parte do público que asiste á presentación de "O CORAZÓN DA BRANCA DE NEVE" de Francisco Castro

    Custou anos formar un grupo e mantelo, perder a confianza da xente é unha mágoa.

    Moitas grazas,
    Carme Lamela Villaravid.

    Intercambio lingüístico cultural Nigrán-Madrid

    Este curso fixemos un intercambio lingüístico cultural entre o alumnado de galego da ESA das “Escolas Proval” de Nigrán e nós, o alumnado de galego do Espazo das Linguas Ibéricas de Madrid.

     

    Comezamos con cartas manuscritas, seguimos con correos electrónicos, mensaxes…

     

    e agora a profesora de Nigrán -Irene Álvarez López- e o seu alumnado agasállanos cun blogue de aula: FALAR GALEGO. Nel comezaron a publicar traballos para amosarnos un pouco a vila de Nigrán e darnos a coñecer a súa vida fóra do instituto: O mundo dos percebeiros, as súas praias…

    Tamén falan do noso intercambio no Blogue de Normalización Lingüística do Centro de Nigrán: E.D.L. CHAFARÍS

    Nós tamén queremos darlles a coñecer a cidade na que vivimos, polo que creamos unha nova lapela neste blogue: COÑECEMOS MADRID. Nesta nova páxina o noso alumnado fai un percorrido polos museos da capital, os parques, os bares de copas, restaurantes… cóntanos a súa historia. E non só Madrid, tamén arredores!

    Se queredes dar unha volta polos sitios madrileños con pegada galega, podedes abrir a lapela VISITAMOS

    A Terra. Metro Arganzuela-Planetario

    Fotos: Came Lamela

    Mirade e lede! E tamén podedes comentar ou pedirnos máis información. E cando veñades, visitaremos a cidade xunt@s!

     

    Letras Galegas 2014 no Espazo das Linguas Ibéricas – Madrid

    O alumnado de galego do Espazo das Linguas Ibéricas estuda a historia do Día das Letras Galegas

    e visita a mostra “51 PÁXINAS DAS NOSAS LETRAS” na Casa de Galicia en Madrid.

    Esta exposición permanecerá aberta ata finais de maio

     

    Na aula aprendemos sobre o homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas, Xosé María Díaz Castro, grazas tamén ao “Telexornal Díaz Castro” realizado polo CPI dos Dices de Rois:

     

    Escoitamos a voz de Xosé María Díaz Castro:

     

    Lemos Nimbos de Xosé María Díaz Castro:

    Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
    e a tea dos teus soños non se move  …
    Traguerán os camiños algún día
    a xente que levaron. Deus é o mesmo.

     

    Herba pequerrechiña
    que con medo surrís
    ó sol que vai nacendo
    e morrendo sin ti,
    por que de ser pequena
    te me avergonzas ti?
    O Universo sería
    máis pequeno sin ti!

     

    Vós tamén podedes investigar sobre a súa vida e obra na páxina da Asociación Xermolos

     

    Camiñamos Un paso adiante…con Mini e Mero -A Quenlla- , A beleza feriunos para sempre con 2naFronteira , navegamos os mares co Xardín Desordenado,

     

    vemos a Lus nos rapaces de Guitiriz:

     

    e cantamos con eles:

     

    Repasamos…xogando:

     

    Escribimos:

    A Xosé María Díaz Castro

    Se a ves, dille
    que non entendemos as despedidas forzosas,
    nin o abandono,
    nin os camiños cortados.

    Se a ves, dille
    que andamos ás apalpadas polas calellas escuras,
    polas gretas da terra,
    que comeron as frangullas os corvos
    e xa non nos quedan máis rochas.

    Pregúntalle por que,
    se nela todo é curvo
    e ata a treboada é fermosa,
    para sentir Esa Lus
    hai que atravesar tantas sombras.

    Beatriz Doldán Varela

     

     

    A natureza, inspiración da poesía de Díaz Castro, homenaxeado no Día das Letras Galegas

    Galicia celebra o seu Día das Letras Galegas o 17 de maio. A iniciativa xurdiu en 1963 —ano no que se cumpriu o centenario da publicación dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro— por proposta de varios membros da Real Academia Galega, co obxectivo de conmemorar e promover a lingua e a cultura galegas. […]

    Este ano, o autor homenaxeado é o poeta e tradutor Xosé María Díaz Castro, nacido en Guitiriz (Lugo) en 1914 e morto nese mesmo concello en 1990.

    Continúa lendo aquí o artigo de Cristina Benito

     

    Visitamos a mostra Xosé María Díaz Castro na Casa de Galicia en Madrid:

     

    Puxémoslle música ás Letras con Samara Bernárdez -gaita- e Ana Loeda -pandeireta-:

     

    O 19 de maio asistimos á presentación e proxección do documental sobre Xosé María Díaz Castro“O instante eterno” de José Antonio Cascudo na Casa de Galicia en Madrid:

     

    Seguimos aprendendo: cantando, lendo, mirando…

     

    Madrid cántalle a Rosalía

    O 24 de febreiro de 1837 nacía en Santiago de Compostela Rosalía de Castro.

    Onte -convidados por Manuel Pereira, Luz Pichel e Vicente Araguas, que atendían á convocatoria da AELG para homenaxar a Rosalía-  percorremos as rúas madrileñas coa poesía da escritora galega.

    Xuntámonos na rúa Ballesta, número 13, ao pé da casa onde Rosalía  viviu entre 1856 e 1858, alí Manuel Pereira Valcárcel, escritor do Grupo Bilbao, leu o manifesto publicado pola AELG con motivo desta data.

    E comeza o recital de poemas, desde os máis veteranos, como Sabino Torres

    aos máis novos, as alumnas e alumnos de galego do Espazo das Linguas Ibéricas -Julia Badino Baamonde na foto- :

    O mestre de cerimonias, Vicente Araguas, escritor e membro tamén do Grupo Bilbao, recitou versos de Rosalía e dirixiunos na “Negra Sombra”, o himno rosaliano en Madrid


    Seguimos camiñando ata a igrexa de San Ildefonso, onde Rosalía casou con Manuel Murguía o 10 de outubro de 1858:

    E velaquí algúns dos participantes na homenaxe diante da Igrexa de San Ildedonso en Madrid, unha noite fría pero chea de ilusión e esperanza, lembrando sempre a Rosalía: