Letras Galegas 2016

Manuel María

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

“A fala”, Manuel María

 

Recital poético de Yolanda López na Casa de Galicia

Tántalo

O próximo día 13 de novembro ás 19:00 horas terá lugar na Casa de Galicia en Madrid un recital poético da escritora Yolanda López, baseado no seu libro Tántalo, co que gañou o III Premio de Poesía Manuel López Ardeiro do Concello de Negreira.

Alén da autora, na presentación falarán os escritores Vicente Araguas e Manuel Pereira. Tamén terá lugar a actuación do guitarrista Pablo Pollo.

Asina para a continuidade de Carme Lamela

Se es alumn@ ou ex-alumn@ dos cursos de galego do Espazo das Linguas, ou participante nas innúmeras actividades culturais galegas que a profesora Carme Lamela organiza nesta cidade, de certo quererás asinar a petición para que lle dean nos próximos cursos a continuidade laboral que merece.

Só tes que inserir un comentario abaixo do texto que poderás ler nesta ligazón, indicando o teu nome, DNI e curso/actividade á que asistiches.

Moitas grazas,

Vítor Garabana

“Privacidade e redes sociais” con Diana Fernández Soutullo

Diana Fernández Soutullo, avogada en TIC Legal / Soutullo & Asociadas falaranos sobre “A privacidade e as redes sociais”

O mércores -cuarta feira- 5 de febreiro, ás 19:30 na aula de Galego no Espazo das Linguas Ibéricas.

Casa de Galicia en Madrid, rúa Casado del Alisal, 8. Madrid
Estades convidados! Mentres se caiba na aula.

 

E velaquí a experta explicándonos como navegar seguros:

Moitas grazas, Diana e volve cando queiras que temos moito que aprender!

Montserrat Pena Presas: “SOÑAR PARA NENAS E MOZOS EN GALEGO: OS LIBROS QUE MARCARON O CAMIÑO”

Conferencia-coloquio con Montserrat Pena Presas (profesora do Dpto. de Didáctica da Lingua e das Ciencias Sociais da Universidade de Santiago de Compostela, crítica literaria e secretaria de GÁLIX) sobre a literatura infantil e xuvenil galega desde a súa consolidación como xénero no contexto cultural do país até os nosos días.
Organiza: Centro de Estudos Galegos (Universidad Complutense de Madrid).
Sede do acto: Casa de Galicia en Madrid