Intercambio lingüístico cultural Nigrán-Madrid

Este curso fixemos un intercambio lingüístico cultural entre o alumnado de galego da ESA das “Escolas Proval” de Nigrán e nós, o alumnado de galego do Espazo das Linguas Ibéricas de Madrid.

 

Comezamos con cartas manuscritas, seguimos con correos electrónicos, mensaxes…

 

e agora a profesora de Nigrán -Irene Álvarez López- e o seu alumnado agasállanos cun blogue de aula: FALAR GALEGO. Nel comezaron a publicar traballos para amosarnos un pouco a vila de Nigrán e darnos a coñecer a súa vida fóra do instituto: O mundo dos percebeiros, as súas praias…

Tamén falan do noso intercambio no Blogue de Normalización Lingüística do Centro de Nigrán: E.D.L. CHAFARÍS

Nós tamén queremos darlles a coñecer a cidade na que vivimos, polo que creamos unha nova lapela neste blogue: COÑECEMOS MADRID. Nesta nova páxina o noso alumnado fai un percorrido polos museos da capital, os parques, os bares de copas, restaurantes… cóntanos a súa historia. E non só Madrid, tamén arredores!

Se queredes dar unha volta polos sitios madrileños con pegada galega, podedes abrir a lapela VISITAMOS

A Terra. Metro Arganzuela-Planetario

Fotos: Came Lamela

Mirade e lede! E tamén podedes comentar ou pedirnos máis información. E cando veñades, visitaremos a cidade xunt@s!

 

Arraianos: o filme en Madrid

Arraianos

 
Podemos ver o filme Arraianos, de Eloy Enciso en Madrid. Os pases son en versión orixinal galega, subtitulada en castelán, nos cines Renoir Princesa. Até o 26 de setembro.

Vén co aval de diversos premios, como o Novas Ondas do Festival de Cine Europeo de Sevilla, o Vangarda e Xénero do BAFICI de Bos Aires, ou Película do ano para a crítica galega.

Non todos os días se estrea cinema galego en Madrid!

Horarios e información.

a Emigración na literatura, no cine, na vida

NA LITERATURA:

…na escola de Castro de Elviña, un día o mestre preguntounos que qué pensabamos ser de maiores. Non era o seu modelo a pedagoxía de participación, así que ficamos nun silencio cauto e a velas vir. Que intención tiña a interrogante? Por que quería saber o que nós queriamos ser? Que era realmente o que quería oír? E entón, naquel silencio mudo, oíuse dende atrás como un aturuxo festeiro a voz de quen chamabamos o Roxo do Souto, que berrou: “Emigrantes”!

Capítulo II “Sentado na maleta do emigrante” en As voces baixas (Xerais, 2012) de Manuel Rivas.

 

Na nosa literatura hai feixes de mostras. Velaquí algunhas máis:

“Adiós ríos, adiós fontes” (Cantares Gallegos) ou “Pra a Habana!” (Follas novas) de Rosalía de Castro

“O pai de Migueliño” (Cousas) de Castelao

Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas.

No programa “Billete de volta” da CRTVG hai un capítulo adidado ao seu autor, emigrante en Arxentina e Cuba. Preme aquí para velo.

A lúa dos Everglades de Xesús Manuel Marcos (Xerais, 2007) ou Nunca te vin chorar de Miguel Suárez Abel (Galaxia, 2010), así como a escolma Toda a terra é dos homes: Galegos no mundo de Luís Menéndez (Galaxia 1993).

 

NO CINE E NA TV:

Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, película que vimos o curso pasado. Pica aquí. Do mesmo director é a curtametraxe Mamasunción.

A longametraxe Un franco, 14 pesetas, dirixida por Carlos Iglesias.

Isabel Blanco

 

A emigración en Historias de Galicia, unha serie divulgativa da TVG

 


 

NÓS:

No século XIX e na primeira metade do XX, Galicia foi terra de emigrantes, primeiro a América e despois a Europa, hoxe, por desgraza, seguimos emigrando.


“Emigrar supón irse dunha terra a outra. O que emigra parte cunha equipaxe na que leva as súas esencias e a súa roupa interior. Isto axudaralle a recordar de onde vén. Poñerase traxes da nova terra pero as súas esencias serán sempre as da terra de orixe.
O emigrante leva e tamén deixa. Na súa terra quedan sentimentos e vivencias que o seguirán esperando para que cando volva se sinta de novo na que sempre será a súa casa”.
Teresa Lorenzo (Lingua e Cultura)

 

“[…] cando saes fóra da terra o feito máis doloroso é deixar a familia, pero marchar por este mundo “largo e alleo” é algo enriquecedor, e coido que polo menos aos Galegos fíxolles sacar o mellor que levaban dentro […] Para ler todo o comentario preme aquí

Monsa Gómez-Ogando (Lingua e Cultura)

 

As mulleres do rural galego na emigración

[…] Esta louzariña que xa peitea canas, neta, filla, nai e amante de galegos, que  se desprazou dende o rural galego a Madrid nos anos oitenta do século pasado, en busca de  mellores oportunidades […]  Podes ler todo o artigo se premes aquí” .
Carmen Marcos (Lingua e Cultura)

 

 

Emigrantes 2.0
“Galiza é un país global. Os procesos de migración e espallamento dos galegos e galegas dende finais do século XIX ata hoxe son unha das grandes lacras do noso país. Galiza, polo tanto, precisa de recoñecerse a si mesma tamén na realidade dos que, fóra do país, quixeron manter a lingua galega para a comunicación ou que, por un motivo ou outro, forman parte das comunidades galegas.
Aínda así, os emigrantes 2.0 (que demos en chamar a Nova Diáspora Galega) responden a un novo perfil. Conectados ás redes a tempo completo teñen unha relación máis estreita con Galiza grazas ás tecnoloxías da información e da comunicación. Polo tanto, son unha cidadanía máis informada e, xa que logo, máis critica. E queremos descubrir os seus problemas e a súa realidade, pois forman parte do futuro do país.”
Asociación “Alba de Groria”

 

Cadernos de Comunicación e análise:

“Somos emigrantes, fill@s de emigrantes, net@s de emigrantes, sobriñ@s de emigrantes, prim@s de emigrantes… Representamos a parte máis difícil da realidade histórica galega, mais pensamos que, nestes tempos que corren, todos podemos sumar, todos debemos contribuír ao novo rexurdimento do noso país”.

A Rapa das Bestas en Sabucedo

A Rapa das Bestas é unha festa galega declarada en 2007 de Interese Turístico Internacional. Celébrase a primeira fin de semana do mes de xullo en Sabucedo, concello da Estrada, e a ela asisten moitísimas persoas achegadas de moi diversos lugares, pois esta festa transcendeu máis alá das fronteiras de Galicia e de España. O rito da Rapa das Bestas consiste en marcar e “rapar” as crinas dos cabalos.

Hai outros lugares en Galicia onde se celebran rapa das bestas pero fanas doutro xeito; nesta da que vos falo a diferenza é que para raparen os cabalos non se usa ningún aparello, só é a loita entre a forza do home e a besta, por iso aos participantes chámanselles aloitadores; é unha loita corpo a corpo, nun ritual que se fai dende hai séculos, xa no século XVIII se ten novas de que se rapaban os cabalos, e vai pasando de xeración en xeración. Este rito, ao ser realizado por mozos novos, ás veces, tamén se adoita relacionalo co paso da infancia á puberdade. As mulleres, ata hai pouco, tiñan un papel secundario na rapa, pero hoxe algunhas mozas atrévense a loitar no curro. No ano 1936, por mor da Guerra Civil, foron as mulleres, axudadas polos nenos e os vellos, quen fixeran a rapa.

A Festa dura dende o sábado ao amencer ata o luns á tardiña. Durante este tempo fanse tres rapas, unha o sábado, unha o domingo e outra o luns. Durante o tempo que non ocorren as rapas, hai moitos postos onde comer, beber e gozar dos mellores produtos da terra, (polbo, empanadas, rosquillas, etc.),  da súa música e da súa hospitalidade.

O sábado, a iso das 6:30 h. da mañá, celébrase unha misa para pedirlle a San Lourenzo que non ocorra ningún accidente nin desgraza durante a Rapa; despois os mozos, veciños e demais participantes soben ao monte a buscar os cabalos para levalos ata o curro, que é o recinto onde se procede á rapa. A este movemento chámase a baixa, na que participan os mozos, habitantes da zona e visitantes, xa que esta Festa chega a acadar ata 20.000 visitantes. Os cabalos están no monte soltos todo o ano, e ao curro só se levan os do Santo pois os particulares rápanos nos seus curramentos.

Ao redor da festa, como xa dixen, hai unha serie de actos complementarios como poden ser exposicións de cadros e fotos de festas anteriores, o festival Sons da Rapa, con actuacións de grupos folk na carballeira do Campo do Medio (Linho do Cuco, O tear da Llerena, Le Punk e Viñalar Fantstic Band), distintas actuacións de grupos musicais, etc.

O luns pola mañá, ten lugar a derradeira rapa na que se marcan os cabalos e despois sóltanse de novo ao monte.

Para pasar  toda a fin de semana, hai aloxamentos nas aldeas ou vilas preto de Sabucedo, como poden ser A Estrada, Cerdedo, Forcarei, Soutelo de Montes e algunhas casas rurais tan características do turismo rural galego.

Velaquí a páxina oficial con toda a información http://www.rapadasbestas.es/

Marisa Cosano

Curso Lingua e Cultura, 2011-12

Domingo de Ramos

 

En Madrid locen as oliveiras

 

En Galicia arden as Fragas do Eume

        
Bágoas dun carballo ferido
ó ollar un inferno tan preto,
afogadiño ó igual có vento
ó pé do noso Camiño.
Bágoas tristísimas e molladas
que non apagan lamentos,
mais deixan sen ar os alentos
do luscofusco e da alba.
Bágoas enxoitas e espalladas
berrando ó infinito alén,
queimadas a base de ben
nas máis ferintes das lapas…

Eduardo Carreira