Coñecemos Madrid

Coñecemos Madrid co alumnado de Galego do Espazo das Linguas Ibéricas

UNHA VOLTA POLO CENTRO DE MADRID

Ola, benvid@!

Vou ensinarche o centro antigo da miña cidade, Madrid. Outros compañeiros meus poderán mostrarche e falarche doutras cousas, como os museos, as zonas verdes, os restaurantes, os locais musicais, etc. Por iso eu só vou sinalarche estas cousas no noso percorrido, mais non entrarei en detalles delas.

Estamos na estación de ferrocarril de Atocha, un dos intercambiadores de transporte máis importantes da cidade. Na parte máis antiga da estación hai agora un invernadoiro, con plantas tropicais e moitas tartarugas nos seus estanques.

Saíndo atopamos unha gran praza, é a praza do Emperador Carlos V, coa fonte da Alcachofa. O importante edificio da dereita, por onde imos ir, é o Ministerio de Agricultura e á esquerda podemos ver o Museo de Arte Raíña Sofía, un dos máis importantes da cidade. Ao fondo, fronte á estación, está o Museo Etnográfico.

Cruzamos polo semáforo cara ao Ministerio de Agricultura para dende alí avanzar polo Paseo del Prado. Pasamos pola Cuesta de Moyano, con casetas de compravenda de libros antigos. Ao fondo está El Retiro, un dos parques máis importantes de Madrid. Só hai que dicir que nel se acha un monumento ao Demo e que ao menos durante algún tempo Madrid foi a única cidade de Europa que tiña un así.

Ao principio do Paseo del Prado e na rúa Atocha, que temos en fronte, hai moitos hoteis. Avanzamos polo Paseo del Prado e deixamos á nosa dereita o Xardín Botánico e á esquerda o Caixa-Forum, outro espazo de exposicións, co seu xardín vertical, e chegamos ás Catro Fontes e ao Museo del Prado, unha da principais pinacotecas do mundo. Tras el están a Igrexa dos Xerónimos, a Real Academia Española e a Casa de Galicia.

Casa de Galicia en Madrid, sede dos cursos de Galego do Espazo das Linguas Ibéricas no AA 2013-2014. Foto: Carme Lamela

Chegamos á praza de Neptuno, dende onde podemos ver mellor Los Jerónimos e a Real Academia Española. Tamén, o Casón del Buen Retiro, os hoteis Ritz e Palace, o Museo Thyssen-Bornemisza e o Congreso dos Deputados.

Seguimos adiante e chegamos á coñecida praza de Cibeles, onde celebra os seus triunfos o Real Madrid. Aquí temos o impresionante Palacio de Telecomunicacións, hoxe sede do Concello, un de cuxos arquitectos, Antonio Palacios, era galego. Tamén o Banco de España, a Casa de América e, ao fondo, a Puerta de Alcalá, un dos símbolos da cidade. De alí sae a rúa Serrano, cos seus establecementos de firmas de luxo e, tras ela, o Barrio de Salamanca, de xente rica.

Volvendo a Cibeles, na outra dirección está a confluencia da rúa de Alcalá e a Gran Vía, cos seus edificios característicos. En todo o percorrido é interesante alzar a vista para ver a arquitectura da cidade e as esculturas que alberga nos edificios e non só o comercio e o que está a rentes do chan.

A Gran Vía chega ata a praza de España. Tras ela hai algúns dos barrios máis coñecidos, como Malasaña ou Maravilllas e Chueca. Da outra parte encontramos a Puerta del Sol, emblema en si mesma de Madrid, con algúns dos seus importantes símbolos, como “el Oso y el Madroño” e o reloxo que durante anos deu por televisión para toda España as doce badaladas de fin de ano. Estamos nunha zona moi comercial, con grandes almacéns, como El Corte Inglés e a Fnac.

“El Oso y el Madroño”. Foto: Carmen Marcos

Pola rúa Arenal podemos ver a casa do Rato Pérez, pasar pola praza da Ópera, co seu gran teatro, e chegar á praza de Oriente, onde podemos ver o Palacio Real e, un pouco máis alá, a Catedral da Almudena.

Damos a volta pola rúa Mayor e pasamos polo Mercado de San Miguel para chegar á Praza Mayor. Aquí podemos descansar un pouco, nalgunhas das súas terrazas ou nos poios dos farois. Tamén podemos ver o que fai a xente: pintores, músicos, vendedores, turistas, etc.

Se baixamos pola Puerta de Toledo imos ao barrio de La Latina. Se o facemos pola de Santa Cruz saímos a unha praza pequena, onde está o Palacio de Santa Cruz, sede do Ministerio de Asuntos Exteriores.

Avanzamos pola rúa Atocha, pasamos ante a Igrexa da Santa Cruz e chegamos á praza de Jacinto Benavente, onde está o Ministerio de Xustiza, o Teatro Calderón, a escultura dun varredor facendo o seu oficio e un cruceiro posto polo centenario Centro Gallego, cuxo cartel podemos ver no terceiro andar do edificio de en fronte, que ten a súa entrada pola rúa Carretas.

Centro Gallego. Foto: Carme Lamela

Se baixamos pola rúa do teatro e do Cine Ideal (que bonitas son as súas vidreiras en inverno!) chegamos á praza de Tirso de Molina e xa estamos no barrio de Lavapiés, que ten o seu centro arredor da praza do mesmo nome, onde tamén hai un teatro. Este é un barrio moi popular, onde o prezo da vivenda é máis alcanzable e onde máis inmigrantes viven no centro da cidade.

Mais permanecemos na praza de Benavente (queremos probar os baños árabes? Hai un edificio dedicado a eles. Moi sofisticado) e  dirixímonos á praza do Ángel para dende alí pasar á praza de Santa Ana, unha das miñas favoritas. Nela está o Hotel Raíña Victoria e o Teatro Español. Estamos no Barrio das Letras e neste teatro estrearon as súas obras os grandes dramaturgos do Século de Ouro español. Moi preto está a casa na que viviu Lope de Vega, convertida en museo.

Tamén é unha zona de lecer, con moitos bares e restaurantes. A rúa Huertas e os seus arredores constitúen unha da zonas máis coñecidas de viños. Tamén a rúa Echegaray, con discotecas e tablaos.

Aquí xa imos ver que nos recomendan os compañeiros que informan sobre os locais.

Mª Luisa Clemente Martín (Celga1)

 


UN PASEO HISTÓRICO POR MADRID

O Distrito Centro é o corazón de Madrid e quilómetro cero, onde a cidade ten os seus monumentos máis antigos e belos, as rúas máis comerciais e as institucións de poder tanto municipais como rexionais e nacionais. Este distrito componse de diferentes barrios oficiais (Palacio, Embajadores, Cortes, Justicia, Universidad e Sol) e outros tantos de carácter oficioso que a madrileñería acostuma a usar máis cós oficiais: Chueca, Huertas, Lavapiés, La Latina, Malasaña, Maravillas, Las Vistillas, Alonso Martínez e Austrias.

Madrid foi durante moitísimos anos este distrito, nin máis nin menos. Moitos arrabaldes pero o perímetro da cidade non creceu. Quizais porque sempre foi vila e corte e non cidade, porque hai que lembrar que Madrid non ten esta categoría. Ao non lle outorgar esta distinción por parte dos reis, Madrid non tivo un poder municipal forte que lle fixese sombra á realeza.

Imos centrarnos na zona dos Austrias, que é o barrio máis antigo da cidade.

O Madrid dos Austrias debe o seu nome a que era a zona que ocupaba a cidade durante o reinado desta dinastía (séculos XVI-XVII). Con eles Madrid pasou de ser case unha aldea a converterse na capital dun imperio. Pero a súa configuración e presenza non respondeu ao que podía esperarse dunha cidade co papel internacional que lle tocou xogar. Rúas estreitas e tortuosas, pazos sombríos e conventos ocultos son os escenarios que aínda permanecen nese barrio. A humildade dos edificios, a falta de urbanismo e o gran número de igrexas sorprendía aos embaixadores e cronistas estranxeiros. Ese Madrid ía desde Cuesta de la Vega ata a Plaza Mayor. Se vedes un plano, comprobaredes que non foi unha cidade grandiosa. Fóra desta zona, quedaban os arrabaldes, segundo os historiadores, extensos.

A nosa ruta comeza na Praza de Oriente, no extremo oriental da parte vella onde se levantaba, no mesmo lugar que hoxe ocupa o Palacio Real, o Alcázar, desde onde se gobernaba o mundo e que desapareceu por un lume en 1737. Aí naceu Madrid e, ao longo do tempo, foi crecendo cara o leste. Nesta praza podemos ver o Teatro Real e a Catedral da Almudena. Preto do palacio, baixando pola Cuesta de la Vega, podemos encontrar restos da muralla islámica do século X.

Palacio Real. Foto: Carmen Marcos

Saíndo desta praza pola de Ramales, no seu extremo sueste, na rúa de San Nicolás, sitúase a igrexa máis antiga de Madrid, a de San Nicolás de los Servitas, nomeada no Foro de 1202, que é o primeiro documento xurídico que outorga a Madrid certa identidade. Seguindo esta rúa, saímos á rúa Mayor que atravesamos ata atopar a rúa Sacramento. Aquí comeza un conxunto de rúas, en costa cara á rúa Segovia, polo que podemos perdernos durante un anaco, e gozar desas rúas estreitas e tortuosas do Madrid dos Austrias. A rúa Sacramento, a praza do Cordón e a continuación, a rúa San Justo, conformaban un eixe de saída por este lado da cidade no que poderemos ver diferentes pazos das familias nobres madrileñas, hoxe, ocupados por diferentes organismos públicos.

Da praza do Cordón cara ao norte, sae a rúa do mesmo nome que nos levará á Plaza de la Villa, sede do concello da cidade ata que mudou á praza de Cibeles non hai moito tempo. O concello de Madrid sempre se reuniu neste lugar. Antes da construción do xa antigo palacio municipal, a Casa de la Villa, estivo no seu lugar a igrexa de San Salvador, que facía as veces de salón de plenos.

Saíndo pola rúa do Codón, xunto á Torre de los Lujanes, chegaremos á praza do Conde de Miranda e, tomando a rúa do seu mesmo nome, á dereita, chegaremos ao Mercado de San Miguel. Un bo exemplo de arquitectura modernista que foi transformado recentemente nun mercado para turistas, perdendo o seu carácter popular para converterse nun mercado selecto. Merece a pena dar unha volta por dentro e gozar do entorno, aínda que se os petos o poden permitir, entrade e tomade algo. Non hai moito tempo, había un posto de peixaría que o seu xénero viña da lonxa de Cedeira.

Xunto a este mercado, encóntrase a Plaza Mayor. Os Austrias non se preocuparon moito por embelecer a cidade. O único proxecto urbanístico grande foi a construción desta praza, que veu a substituír a praza do Arrabalde, un lugar onde se celebraba o mercado dende época medieval. O espazo que podemos ver hoxe é froito de moitísimas transformacións. Durante anos serviu de lugar de celebracións como corridas de touros, feiras e autos de fe. Dispón de nove portas e a máis famosa é a chamada Arco de Cuchilleros, na parte suroeste.

Pola saída sueste da praza, chegamos á Plaza de las Provincias, onde se sitúa o Palacio de Santa Cruz, antigo cárcere da vila e hoxe sede do Ministerio de Asuntos Exteriores. É bo exemplo do tipo de arquitectura desa época: muros de ladrillo e cantería, fachadas moi sobrias de balcóns e torres nas esquinas. Por tanto, non sería disparatado pensar que o alcázar respondese a este modelo. Na Plaza de la Villa puidemos ver bos exemplos desta arquitectura: a Casa de la Villa, a antiga sede do concello, que repite o mesmo esquema que o Palacio de Santa Cruz.

Para rematar este paseo, desde esta praza, no seu lado norte, tomaremos a rúa de Esparteros ata atoparnos coa rúa Mayor, preto da Puerta del Sol, a principal praza da cidade, escenario de grandes acontecementos e onde cada 31 de decembro a xente enche a praza para tomar as doce uvas, que por certo, non se escoita nada. Mellor, velo na televisión.

 Pirulí. Foto: Carme Lamela

Marino Real Gallego (Celga4 e Lingua e Cultura)

 


PERCORRIDO POR UN MADRID DE LENDAS

A seguinte proposta é un percorrido moi especial, trátase dun percorrido onde deixaremos voar a nosa imaxinación, e poderemos atopar curiosidades sobre edificios que son moi coñecidos por todos.

A ruta ten cinco puntos que describirei a continuación:

1.- Centro Conde Duque:

Comezamos a ruta dende este antigo cuartel feito no século dezaoito por Felipe V. Na actualidade é un centro cultural que ten unha das mellores bibliotecas de música da Comunidade de Madrid, tamén podemos atopar nel un bo auditorio e salas de estudo para músicos. Contan as lendas que no patio sur deste Centro se aparecía unha muller co seu fillo, parece que daquela moita xente foi fusilada alí. Temos que ter en conta que naquela época houbo moitas tensións políticas e moita xente morreu, pero os seus espíritos quedaron polos arredores de Conde Duque. Na actualidade, poden gozar escoitando música e perdéndose polos libros e partituras que ten a biblioteca no seu interior.

2.- Praza de Oriente:

Neste segundo lugar, atopamos o Teatro Real (Antigo Conservatorio de Música, Danza y Centro de Arte Dramático), e tamén do outro lado podemos atopar o Palacio de Oriente. Pero o sitio de interese para o noso percorrido é a praza. A praza foi feita por Xosé Bonaparte ou máis coñecido polos madrileños como Pepe Botella.  É dun estilo masónico e cómpre destacar as estatuas que ten. Estas estatuas están postas nesa praza porque a muller de Fernando VII tivo un soño premonitorio. Nese soño, as estatuas estaban no teito do palacio e caían enriba deles, así que daquela, que non era a primeira das súas premonicións certas, Fernando VII fíxolle caso e ordenou poñer as estatuas no chan da praza. E por iso hoxe en día a Praza está vixiada polos reis de Castela e Aragón así como algún da época Goda.

3.- Teatro Español:

O seguinte emprazamento está na Praza de Sta. Ana, onde atopamos o Teatro Español, na rúa Príncipe nº 5. Nese teatro moita xente di que sentiu a presenza de espíritos e ventos pantasmais, a verdade é que se atopades unha entrada para ver unha obra, pensade moito, se vir ou non vir ao baño. Os seus corredores son moi doados a que nosa imaxinación pense o que non quere ver. A lenda tamén fala dun Sr. con traxe de época que adoitaba aparecerse pola Praza de Sta. Ana, pero deixou de facelo a principios do século vinte. Así que non poderemos velo. Unha mágoa…

4.- Antigo Teatro Novidades (Teatro la Latina):

Seguiremos camiñando ata atopar na rúa Toledo co Antigo Teatro Novidades, a cuxa primeira representación puido asistir Isabel II. Este é o seguinte edificio que ten lenda porque no ano 1923 houbo un incendio moi grande onde morreron moitas persoas. Disque o incendio se fixo por un cigarro mal apagado. Contan que moitos espectros saían dende a rúa Toledo baixando pola rúa Bolsa ata atopar o anterior emprazamento, a Praza de Sta. Ana.   

5.- Museo Raíña Sofía:

Se continuamos camiñando ata a Rúa de Atocha podemos atopar o Museo da Raíña Sofía. Que segundo un vídeo que atopei na rede é uns dos lugares onde hai máis baixas psicolóxicas do seu persoal. Foi o Hospital San Carlos, e ao carón do Museo, atopamos o actual Conservatorio de Música de Madrid, que foi o hospital forense. Estes edificios están unidos por uns corredores subterráneos, e son moitas as persoas que dixeron sentir presenzas estrañas, e feitos estraños, no seu interior.

Verdade? Lenda? Crenzas populares?… Este é un percorrido para pensar e seguir investigando.

Espero vos guste.

María Moreno Rubio (Celga1)


 O PALACIO DE COMUNICACIÓNS

O Palacio de Comunicacións, coñecido tamén como Palacio de Cibeles, é un conxunto de dous edificios brancos coa fachada inspirada no estilo monumental de Antón Palacios. Comeza a construírse no ano 1907 e finalmente se inaugura o día 14 de marzo de 1919. Durante moito tempo funciona como moderna central de distribución de correos, telégrafos e teléfonos, depois do ano 2007 comeza a albergar as dependencias municipais do Concello de Madrid e mais ábrese o “Centro Centro” que é un centro cultural con moitas actividades. Organízanse alí eventos culturais: exposicións de artistas coñecidos, fanse excursións para os alumnos das escolas, algunhas veces realízanse concertos.
Falando da historia deste edificio emblemático da capital, hai que dicir que foi deseñado polos novos arquitectos españois Antón Palacios e Joaquín Otamendi Machibarrena, e é un exemplo dos máis representativos de arquitectura modernista coa influencia de estilo neoplateresco e barroco salmantino.

Palacio de Comunicacións. Foto: Carme Lamela

Cóntase que a construción do palacio non foi fácil. O chan do palacio actual formaba a parte dos xardíns del Buen Retiro, entón moita xente tiña contraopinións que non quería perder o sitio para o descanso, polo cal necesitaron case doce anos para o seu levantamento. Hai unha particularidade no edificio que a ideou o seu arquitecto galego Antón Palacios, é o escudo galego. Desta maneira o arquitecto quixo honrar a súa pequena patria.
Cómpre dicir que o Palacio de Comunicacións é punto central, porque de alí pódense visitar todos os sitios importantes tal como os museos importantes, palacios, parques e monumentos. A pouca distancia está o Museo do Prado, o xardín del Buen Retiro, a Puerta de Alcalá, e mais cousas. Tamén na praza de Cibeles hai unha chea de transportes: autobuses, metro e un pódese mover con moita facilidade por toda a cidade.

Penso que todos os visitantes que veñen a Madrid teñen que visitalo.

Victoria Leng (Celga1)


A NOSA CIDADE ( o triángulo da arte )

Se queredes facer un percorrido polo casco antigo de Madrid eu vou explicarvos os mellores museos da nosa cidade non só pola súa importancia senón  tamén polo divertido que pode ser visitalos.

O máis importante é o Museo do Prado, unha das pinacotecas mellores do mundo, encóntrase preto da praza de Neptuno e do Congreso dos Deputados. Outro que tedes que ver é o Museo Thyssen no Paseo do Prado á volta do Congreso. E non esquecer  o Museo Raíña Sofía na praza do Emperador Carlos V ( Atocha ) . Mentres que no Prado os cadros son moi antigos, no Thyssen hai moitos cadros dos séculos XIX  e  XX, e no Raíña Sofía os cadros son do século XX e XXI.

O Prado abre ás 10:00 e pecha ás 20:00 todos os días da semana, hoxe teñen unha exposición moi boa de Tiziano, a entrada custa 14€ o 7€ en prezo reducido (carné  de estudante).

O Thyssen abre dende as 10:00 ata as 19:00  de martes a domingo o luns só abre a exposición temporal. Hoxe podedes ver unha exposición moi boa de Cèzanne. O prezo da entrada é 10€ para a colección permanente, 11€ para a temporal e 17 € para ambas dúas e o prezo reducido é 7€ cada unha ou 9€ ambas dúas. Para o caso do Raíña Sofía tedes que ter en conta que pecha os martes, o resto da semana abre ás 10:00 e pecha ás 21:00, custa 8 € e a reducida custa 4€.

Recoméndovos dúas cousas, que quitedes as entradas por internet para evitar facer moita ringleira, e que antes de ir ao museo miredes o que máis vos interesa ver porque os tres museos son moi grandes e é preferíbel ver pouco e ben que moito, mal e moi canso.

Mª Jesús Bravo Vázquez (Celga1)

 


 MUSEOS DE MADRID

Museo do Prado. Foto: Carme Lamela

Madrid é unha cidade con moitas posibilidades para facer cousas interesantes. A cidade ten moitos museos, grandes e pequenos, e os máis coñecidos son o Museo do Prado, o Museo Thyssen e o Museo Raíña Sofía. Os tres están no Paseo del Prado, que é o centro da cidade. Hai moitas formas de chegar ata os museos, en metro, en bus e mais a pé. En metro podes coller a liña do metro que pasa polo Banco de España,  e despois ir camiñando polo Paseo, é bonito porque hai moitas árbores. En bus podes baixar na Praza de Cibeles, que está preto tamén da zona. Estes tres museos pódense ver de balde certas horas e días, o mellor é consultalo uns días antes de viaxar a Madrid.

Se preferides museos máis pequenos e con menos turistas, eu recomendo o Museo Cerralbo, que está preto da Praza de España e que é un museo con moitas cousas, coma cadros, reloxos, moedas, mobles…e a entrada só custa tres euros, e os sábados é de balde. Tamén podes visitar o Museo Sorolla, que é a casa do pintor en Madrid, e que conta cunha importante colección de cadros, tamén podes visitalo de balde os sábados pola mañá.

Outras posibilidades son o Museo Lázaro Galdiano, na rúa Serrano coa rúa María de Molina, que ten moitas xoias da súa muller, e a entrada custa seis euros; e o Museo Romántico, que os sábados tamén é de balde e que ten moito encanto, porque ten moitos mobles da época romántica.

Como podes ver, Madrid é unha cidade onde non é fácil aburrirse.

Lidia García Teijido (Celga 1)

 


TRIÁNGULO DA ARTE EN MADRID

Madrid ten unha ampla oferta museística, pero como sería moi extenso e tedioso facer aquí un detalle dela, vou concentrar a miña información no que eu considero básico: o chamado   “Triángulo da arte”, que o forman os Museos do Prado, Raíña Sofía e Thyssen-Bornemisza e que  reproduzo a continuación:

Como podes ver os tres museos forman un triángulo cuxo nexo é o Paseo del Prado; os tres centros culturais permítenlles aos visitantes, nunha área moi preto unha doutra, percorrer a arte, fundamentalmente pictórica, dende a Idade Media até a época actual. Para moitas persoas expertas en arte, trátase quizais dunha das máis importantes de Europa, senón a mellor, pola súa riqueza artística.

O Museo do Prado achega a súa riqueza en cadros de mestres europeos dos séculos XVI ao XIX.

O Museo Raíña Sofía amosa obras do século XX e contemporáneo.

O Museo Thyssen-Bornemisza, finalmente, recolle obras de pintores estranxeiros dende o gótico dos séculos XIV e XV até o “pop-art” e os anos 1980.

Xaora estas son só unhas curtas pinceladas (nunca mellor dito neste caso) do moito que calquera persoa que visite estes museos vai atopar neles.

Juan Carlos Mañas Franco -Xan- (Celga2)


DEPORTE EN MADRID

Madrid é unha cidade que conta con moitos espazos para o deporte, esta é unha pequena guía dos lugares onde poderás realizar a túa actividade

Centros Deportivos Municipais

Os centros deportivos  municipais son os mellores lugares onde  practicar o teu deporte  (natación, fútbol, ximnasia, paddel, tiro con arco, tenis ….. )

Madrid conta con 68  centros deportivos municipais  onde poderás  practicar unha  gran cantidade  de  actividades deportivas a prezos moi populares

Correr

Madrid ten unha gran tradición en carreiras populares e unha gran cantidade de rutas polas súas zonas verdes onde poderás gozar de correr por unha gran cidade

Destaca o novo espazo “Madrid Río” cun circuíto de 7 km onde poderás gozar dunha das zonas mais renovadas de Madrid ao longo da ribeira do río Manzanares:

Ciclismo e patinaxe

Polo  Anillo Verde Ciclista de Madrid  gozarás dun itinerario ciclista e peonil de máis de 65 quilómetros rodeando a cidade.                                                                 

Ademais de gozar de todos os espazos especiais para estas actividades, co servizo  “MADRIDPATINA” poderás  aprender nas súas escolas nos parques máis famosos (“EL RETIRO”, parque “SAN JUAN I“ , parque “EL CAPRICHO”) e terás a oportunidade de facer  visitas guiadas oficiais  por toda a cidade.

Tamén desde outubro  ata xuño poderás facer patinaxe sobre xeo no “Palacio de Xeo” na rúa Silvano 77.

Outras actividades deportivas

Para aqueles que busquen actividades máis exclusivas, en Madrid atoparás a mellor oferta.

Golf

Madrid conta con  máis de 20 campos onde non só poderás practicar o teu deporte senón tamén aprendelo ou melloralo.

Motor

No “Circuito del Jarama“ poderás desfrutar da túa paixón polo motor coas diversas actividades que alí  se  organizan.

 

Neve

Madrid é a única capital europea que conta con estacións de esquí a menos dunha hora. Pódense gozar dos deportes de inverno nas estacións de Navacerrada  e  Valdesquí , e ademais conta con  “Madrid SnowZone”, a única pista de neve cuberta de España.                                                            

Rogelio Fernández Nogueira (Celga1)

 


DEPORTES EN MADRID

Imos falarvos dos recintos onde se poden ver os distintos deportes en Madrid, por se vos interesa algún. Non será unha lista exhaustiva, como é natural, pero si os máis representativos.

Comezamos polo fútbol, o máis popular. Temos tres equipos en primeira división: Real Madrid, Atlético de Madrid e Raio Vallecano, e cada un xoga no seu propio campo, a saber, Bernabéu, Calderón e Vallecas.

No Palacio dos Deportes podemos ver baloncesto, pero tamén, en ocasións, boxeo, ciclismo e tenis.

Na chamada Caja Mágica ten lugar un dos torneos máis importantes de tenis a onde acoden os mellores xogadores do mundo.

No Hipódromo de la Zarzuela desénvolvense as carreiras de cabalos durante todo o ano, salvo unha paréntese nos meses de inverno.

Agora non temos ningún equipo de balonmán na Asobal, deporte de tanta tradición en Galicia.

Juan Luis de la Torre Pérez (Celga1)

 


OS PARQUES DE MADRID

O Retiro. Foto: Carme Lamela

A cidade de Madrid ten moitos parques, uns grandes e outros máis pequenos, que adoitan alegrar a vista entre o que en moitos casos resulta un “maremagnum” de casas, coches e xente. Neles os paxaros procuran colocar os seus niños, fuxindo tamén dese caos que é a cidade. Pero non só os paxaros, senón toda a xente que ve que se achega o verán e quere lucir unha boa figura, deportistas que queren levar unha vida sa, namorados das plantas, das herbas, das flores ou namorados, simplemente. Pódese dicir que os parques de Madrid son un mundo, xa que no seu interior podemos atopar cousas moi diversas. Hai tantos que a escolla resulta difícil, pero hai tres parque que, polo seu tamaño, conteñen bastantes atractivos:

1.- O RETIRO: O verdadeiro pulmón verde da cidade, este parque conta cunha gran variedade de árbores e plantas. Ademais está situado nunha parte bastante céntrica e é bastante sinxelo chegar en transporte público. O Retiro é o lugar de diversión dos madrileños os domingos. A parte máis coñecida é o estanque, onde podes coller unha pequena barca e remar diante da colosal estatua de Afonso XII, quen mandou construír este xardíns. Outro edificio destacable do Retiro é o Palacio de Cristal, que é, como o seu propio nome indica, un palacio feito de cristal case que na súa totalidade e que se pode visitar, aínda que non hai nada no seu interior. En fronte hai un lago onde se poden observar parrulos, cisnes, tartarugas e peixes (aos cales se lles pode botar pan).

Palacio de Cristal co lago en inverno (Retiro). Foto: Rodrigo González

2.- PARQUE DO OESTE: Ao lado de Moncloa, fascina pola súa vexetación e polos cedros tan grandes a cuxa sombra te podes deitar as calorosas tardes de primavera e verán. Unha atracción típica deste parque é o teleférico, que atravesa a Casa de Campo ofrecendo unha bela vista da cidade de Madrid. Tamén se conservan aquí os impactos producidos por unhas balas na Guerra Civil española.

Casa de Campo desde o teleférico. Foto: Carme Lamela

3.- PARQUE JUAN CARLOS I: Lonxe do centro da cidade, aínda que preto do aeroporto, este parque é o lugar preferido dos veciños de Madrid norte para facer deporte. O máis rechamante son as colinas, onde a xente sobe para deitarse ao sol. É moi recomendable visitar o Xardín das Tres Culturas, unha recreación ao ar libre formada por tres xardíns que recollen as representacións máis propias das tres principais relixións: o Islam, o Xudaísmo e o Cristianismo. É curioso o inicio do percorrido, que ten lugar nunha zona chea de palmeiras cuxo nome é Xardín do Edén.

 Rodrigo González Barba (Celga 1)

 


SAÍR DE FESTA POR MADRID

Guía básica para saír de festa por Madrid e non morrer no intento: a clave, o centro

Saír de festa por Madrid ás veces pode ser una tarefa complicada. Hai tantos sitios, de tantos estilos e con prezos tan diferentes que, por pura preguiza, un acaba caendo nas gadoupas dos relacións públicas e entrando en locais nos que, de saber como eran, nunca entrarías.

A mellor zona para saír é o centro. Hai de todo, locais grandes e pequenos, e, exceptuando os grandes como Kapital, podes ir vestido como queiras a calquera hora sen preocuparte por se vas poder ou non entrar.

Se che gusta a cervexa e bailar un pouco, ‘La Risueña’ é o teu bar. Este bar está preto de Sol, na Carrera de San San Jerónimo. Naceu como imitación dos famosos bares ‘La Sureña’, pero é moito máis grande que calquera deles, abre ata máis tarde e ten música similar á das discotecas.

Ao saír de ‘La Risueña’, unha das mellores opción é ‘La Fontana de Oro’, que está preto, na rúa da Victoria. É una taberna irlandesa con dúas plantas: unha de discoteca e outra máis tranquila debaixo onde se pode beber e parolar sentado coa música máis baixa.

Logo, preto destes dous bares está a zona de Huertas, onde podes atopar moitos pubs e discotecas de diferentes estilos e prezos. O bo desta zona é que non está lonxe do percorrido dos autobuses nocturnos, xa que todos eles pasan por Cibeles ou o Paseo del Prado. Algúns locais abren ata as 4, ou máis, da mañá, pero se cansas antes, ter preto o transporte público é unha gran vantaxe que poucas zonas de esta teñen.

As opción anteriores están ben se che gusta pasalo ben e non che importa se soan as cancións de veráns pasados, Daddy Yankee ou Extremoduro (e si, hai pubs como ‘La Lupe’ de Huertas onde isto pasa), pero se che gusta escoitar música un pouquiño máis alternativa, a túa zona é Tribunal-Malasaña.

Só ao baixar na parada do metro de Tribunal notas que o ambiente de festa é diferente. Entre outras cousas porque en fronte verás a cola para entrar ao ‘Ocho y Medio Club’ cheo do que agora chaman “modernos” (e tamén de xente normal, non te asustes). Este club é grande e está pegado ao antigo Pachá. Cobran entrada e é caro, pero se non queres pagar, tes outros mellores.

Nunha rúa cercana, rúa Churruca, está o ‘Bárbarum’, onde serven copas xigantes dun litro. Se che gusta todo ao grande, esta tamén é a túa zona, porque un pouquiño adiante, na esquina da rúa Apodaca coa rúa Larra está ‘El Alquimista’, moi coñecido polos caldeiros e os seus testos recheos de sangría e outras bebidas típicas.

Nesta zona hai varios bares deste estilo, pero adoitan cerrar cedo. Unha boa alternativa, onde podes entrar dende as 00.00 se queres, é ‘La Chocita Sueca’ (ver foto). Está na rúa Luchana, que sae da rúa Sagasta, á que podes chegar doado e rapidamente subindo toda a rúa Churruca ou, en horario de Metro, baixando na parada de Bilbao. É una discoteca con moi bo ambiente, unha decoración inimitable a base de cadros, fotos e obxectos relacionados co cine e a música, roupeiro gratis, copas a prezo asequible e música de todos os estilos.

Outra das vantaxes que ten a zona centro é que, ademais de estar ben comunicada pola noite, ten establecementos de comida para levar as 24 horas por todas partes.

Elena Herrero (Celga2)

 


 MÚSICA EN MADRID

En Madrid podes gozar dunha gran variedade de concertos, ocio, estilos e lugares onde a música e a arte son as protagonistas. Madrid ten unha ampla riqueza cultural, aquí reúnense algúns dos mellores músicos para dar a coñecer a súa música que actualmente pode ser unha mestura de moitos estilos.

Os concertos adoitan ser transitorios e é difícil poñer unha lista deles porque cada día hai un diferente ao anterior, por iso poño unha lista de locais, salas de concertos segundo gustos e estilos que normalmente soan:

Xerais:

Ateneo de Madrid: Biblioteca e actividades culturais, exposicións, teatro e música.
r/ Prado, 21

El búho real: Local aberto dende 1984, desmarcado entre moitas especialidades pola súa seleccionada carteleira de concertos de cantautores, así como, na calidade da súa música.
r/ Regueros, 5.

Galileo Galilei: Esta popular sala de Madrid inaugurouse en outubro do 1985 no antigo local do cine Galileo. A súa amplitude de espazo e a súa decoración ao estilo dun Templo Heleno confírenlle ese ambiente especial, que fai desta sala o templo musical por excelencia na noite madrileña.
r/ Galileo, 100

Garibaldi Café: Bar de copas, sala de concertos. Actuacións en directo todos os días.
r/ San Felipe Neri, 4.

El juglar: Concertos, Dj´s, teatro, presentacións, etc.
r/ Lavapiés, 37

 El relojero ciego: Actuacións en directo de jazz, maxia, humor, música en xeral.
r/ Miguel Menéndez Boneta, 15

 El rincón del arte nuevo: Dos locais con máis sona de Madrid, 23 años ofrecendo a mellor música dos artistas novos e consagrados. Canción de autor, pop-rock, flamenco, humor… Unha variada oferta para a noite madrileña.
r/ Segovia, 17

La Riviera:  Esta gran sala emprazada na ribeira do Manzanares,  viu pasar cinco décadas de maxia nocturna, é hoxe a sala onde se celebran os máis importantes e variados eventos en Madrid.
Paseo Bajo de la Virgen, s/n

Matadero de Madrid

 Pop-rock:

 La boca del lobo: É unha sala de música en directo, unha asociación cultural, un festival internacional de curtametraxes e un restaurante con terraza.
r/ Echegaray, 11

 Café la Palma:  É dende hai 19 anos unha sala pioneira no desenvolvemento do concepto “primeira copa” e unha das máis cativas salas de concertos da capital. Café, cocktail.
r/ La Palma, 62

Moby Dick: É unha sala de concertos de música rock en directo, festas e máis eventos ambientada nun bucaneiro.
Avda. del Brasil, 5

 

Sés no Moby Dick. Foto: Urbano Penín

 Jazz:

 Café Central: Café, bar, restaurante, onde se pode gozar de concertos en directo de jazz de músicos recoñecidos internacionalmente.
Plaza del Ángel, 10

Sala Clamores: Sala bohemia de jazz e outros estilos musicais diversos (indie, progresivo, tango pop-rock, fusión, jam sesión, ect) , no barrio de Malasaña.
r/ Alburquerque, 14

 Café El despertar: É de estilo modernista, é un café de tertulias de primeiros do século. Especializado en café queimado holandés, carajillos, cubano, irlandeses, caipiriñas. Amenizando por música Jazz.
r/ Torrecilla del Real, 18

 Flamenco:

 Cardamono: concertos todos os luns e mércores de flamenco con entrada libre.
r/ Echegaray, 15

 El corral de la morería: Restaurante con tablao flamenco. O máis famoso do mundo, inaugurado en 1956. Espectáculo de personalidades do  flamenco todas as noites: os irmáns Greco, Blanca del Rey…
r/ Morería, 17

Folk:

La taberna de Elisa:

Cervexería coa fama e prestixio das sesións de música tradicional, celta. Grupos célebres que pasaron por alí: La Musgaña e seguindo por Kepa Junquera, José Ángel Hevia, Carlos Núñez, Celtas Cortos, John y Phil Cunningham, Capercaillie, Fred Morrison, Radio Tarifa…  Un lugar de xuntanza dos músicos “celtas” de Madrid.
r/ Santa María, 42
 

Música clásica:

Auditorio Nacional: É unha sala de concertos situada en Madrid, dedicada preferentemente a concertos de música clásica. É un organismo dependente do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música.
r/ Principe de Vergara, 146

Teatros Canal: É un centro de artes escénicas localizado no barrio de Chamberí, propiedade do Canal de Isabel II e dependente da Comunidade de Madrid.
r/ Cea Bermúdez, 1

Teatro Real: É o teatro da Ópera de Madrid e está considerado un dos máis importantes de España e de Europa. Encóntrase situado na Praza de Oriente, fronte ao Palacio Real, e é un dos monumentos máis emblemáticos. Os espectáculos neste teatro non son de prezo moi accesible.
Plaza de Isabel II, s/n

Teatro de la Zarzuela: Foi inaugurado grazas á iniciativa da Sociedade Lírico Española, co obxectivo de ter un espazo propio para as interpretacións de zarzuelas na capital de España.
r/ Jovellanos, 4

Noelia Peña Moreno (Celga1 e Celga2)

 


      A GASTRONOMÍA DE MADRID

A oferta gastronómica de Madrid é moi extensa, atopando restaurantes coa cociña de todos os países do mundo, dende a máis de moda como a xaponesa e peruana até as máis exóticas como a africana e asiática.

No ámbito español teñen representación multitudinaria todas as comunidades autónomas, especialmente e en gran número Galicia, Asturias e Castela e León.

A cociña propia de Madrid ten uns poucos pratos típicos como o cocido, callos, albóndigas, caracois, gallinejas e pouco máis, pero o que si é moi típico e abunda, son as tabernas e bares de tapas, recomendándovos as seguintes (entre elas algunhas moi antigas):

CASA MINGO     [chourizo á sidra, callos, polo asado] Paseo Florida, 34

CASA LABRA          [bacallau rebozado]                    Tetuán, 12

TABERNA MACEIRAS    [empanadas, polbo, queixos]  Huertas, 64-66

Taberna Maceiras. Foto: Carme Lamela

CERVECERÍA CERVANTES   [torradas de calidade]      praza Jesús, 7

CASA REVUELTA [bacallau rebozado, callos, queixo]    Latoneros, 3

BODEGAS CASAS [boquerones (bocartes) en vinagre, conservas]  Ciudad Barcelona, 23

LOS MELLIZOS [caracois, patacas bravas, anchoas]               Esfinge, 66

PONZANO          [tortilla rechea, picadillo (zorza), etc]           Ponzano, 12

CUENLLAS        [croquetas, soldaditos, ensaladilla]    Ferraz, 5

A PULPEIRA         [polbo e máis]                                 Maiquez, 52

IO                       [croquetas, pescada á romana]         Manuel de Falla, 5

ESBARDOS       [anchoas, ensaladilla, pixín (peixe sapo) frito]      Maldonado, 4

OSTRADIVARIUS                [ostras]                                                 Goya, 82

CAZORLA               [moxama, frituras]                                     Castelló, 99

CHURRASCO GALLEGO                                      Antonio Zamora, 19

Nalgún destes establecementos é recomendable tomar cervexa de barril “canas ben tiradas” e “vermú de billa”

Delio Díez (Celga 1)


 

 RUTA MADRID-MOSTEIRO DO ESCORIAL

En coche (pouco recomendable):

1.- Sae de Madrid como poidas intentando chegar á A-6 (A Coruña) canto antes.

2.- Xa, na autoestrada, máis tranquilo, tes que chegar ata o desvío da estrada M-505.

3.- É unha estrada moi bonita, pero perigosa; se se mira a paisaxe, non se conduce.

4.- Cando a estrada pasa por riba dun pantano, xa queda pouco.

5.- Chegando a San Lorenzo de El Escorial, o Mosteiro non ten perda.

En autobús (recomendable):

1.- Tes que chegar ata o “Intercambiador de Moncloa”

2.- Tes que ir á liña 661 (Galapagar) ou á liña 664 (Guadarrama). Mellor pola liña 661, é máis bonito.

3.- É final de liña. Cando baixes, xa sabes, non ten perda.

En tren (moi recomendable):

1.- Tes que chegar ata unha estación de Cercanías de Madrid.

2.- Tes que chegar ata a liña: Línea C8: Atocha – Chamartín – Villalba – El Escorial.

3.- É unha viaxe preciosa, polo que tes que sentar na fiestra. A mellor fiestra é a da esquerda no sentido da circulación.

4.- E xa sabes, non ten perda.

Dun ou outro xeito cha chegaches á vila de San Lorenzo de El Escorial. Está na Sierra de Guadarrama a uns 50 quilómetros de Madrid e a súas rúas teñen moita historia. É unha vila cunha poboación de 18.545 e está a 1.055 m. de altitude.

O Mosteiro é Patrimonio da Humanidade dende 1984. O estilo arquitectónico é Herreriano o Escurialense.

Mosteiro do Escorial. Foto: Celina Sánchez Tardío

O 23 de abril de 1563, san Xurxo, colocouse a primeira pedra nos cimentos do refectorio do convento, baixo a cadeira do Prior, diso xa hai máis de 450 anos. O 13 de setembro de 1584 ponse a última pedra no Patio de los Reyes. Tamén un 13 de setembro de 1598 morreu Felipe II.

O Mosteiro é impresionante, tes que ver moitas cousas, alí hai guías, visitas guiadas, pero non esquezas dúas cousas:

A primeira é unha sala escura que atopamos logo de visitar o “Panteón de Infantes”; o arquitecto Juan de Herrera conseguiu que dúas persoas colocadas en ángulos opostos puidesen conversar, sen berrar, con enorme claridade, mentres que os que estaban no medio non oían nada.

A segunda curiosidade é un espazo moi pouco coñecido: El Pudridero Real. Só os frades agostiños poden chegar a este espazo onde os restos mortais dos membros da familia do rei, cubertos de cal, permanecen durante máis de 25 anos; o espazo, duns 16 metros cadrados están vixiados por uns 50 frades da comunidade agostiña dende 1885. Ninguén máis pode entrar no habitáculo.

Ben, xa remato, tes bos restaurantes e tabernas onde case sempre contan historias de pantasmas máis ou menos coñecidas.

Jorge Rubio Redondo (Celga 1)

 


UNHA VISITA A MADRID

A primeira constancia histórica da existencia dun asentamento estable data da época musulmá (Magerit). Na segunda metade do século IX, o emir de Córdoba Muhammad I (852-886) constrúe unha fortaleza nun promontorio xunto ao río Manzanares. Trátase dunha das moitas fortificacións que ordena edificar co triplo propósito de vixiar os pasos da serra de Guadarrama, protexer Toledo das intrusións dos reinos cristiáns do norte, e ser punto de partida á súa vez para incursións musulmás nos devanditos reinos e de asentar a autoridade de Córdoba nesta rexión.

A fortaleza musulmá estaba situada nos arredores do actual Palacio Real; posteriormente construíuse o alcázar cristián e máis tarde o Palacio Real sobre o chan dos anteriores. A fortaleza, e polo tanto o alcázar, están nun outeiro delimitado polo fondal do regueiro de San Pedro, o regueiro do Areal e o barranco que remata na veiga do Manzanares. Se o alcázar é o centro da vida social, o outeiro no que está asentado inflúe no crecemento da cidade en dirección leste.

Madrid dos Austrias, o núcleo inicial, e o dos Borbóns, parten do mesmo punto pero este último esténdese máis alá có dos Austrias. Os Austrias viviron nos séculos XVI/XVII e os Borbóns nos seguintes XVIII, XIX e XX séculos, nos que a cidade seguiu crecendo baixo a monarquía así como posteriormente.

Dende a fundación de Madrid no século IX, fora costume cercar o casarío, ben cunha finalidade defensiva (murallas musulmá e cristiá), ben para o control fiscal dos abastos e inmigración (muralla medieval dos arrabaldes e Cerca de Felipe II).

Felipe IV ordenou a construción dunha nova Cerca arredor da zona urbana, mediante a cal quedaron establecidos os novos límites da vila, tras os procesos expansivos dos períodos anteriores. Foi derruída en 1868. Fóra das murallas, situábanse os xardíns, paraxes agrestes e recintos palacianos do Buen Retiro, na parte oriental da cidade; da Casa de Campo, na occidental; e do Pardo, na noroccidental.

A expresión Madrid dos Austrias emprégase para designar a evolución, preferentemente urbanística, da cidade entre os reinados de Carlos I (r. 1516-1556), o primeiro dos Austrias, e Carlos II (r. 1665-1700), co que se extinguiu a rama española desta dinastía. Este barrio inclúe as áreas de influencia das rúas Mayor, Arenal, Segovia, Carrera de San Francisco, Bailén e Toledo e das prazas da Cebada, da Paja, Mayor, Puerta del Sol e de Oriente, onde se achan barrios e áreas sen entidade administrativa, como La Latina, Ópera ou Las Vistillas.

 Co establecemento da corte en Madrid, as tarefas de goberno centralízanse no Alcázar Real, conxunto de edificacións situadas nos terreos que máis adiante ocuparán o Palacio Real e a Praza de Oriente. Tamén aumenta a superficie doutro pazo no extremo este da cidade, Palacio del Buen Retiro, empezado a construír polos Reis Católicos (que trasladaran ás súas proximidades o mosteiro de San Jerónimo el Real), do que se conservan os seus xardíns, o Salón do Reino e o Salón de Baile, coñecido, este último, como o Casón del Buen Retiro e utilizado polo Museo do Prado. San Jerónimo el Real foi elixido pola monarquía como escenario oficial do acto de xura dos príncipes de Asturias como herdeiros da Coroa. O primeiro en facelo foi Felipe II (18 de abril de 1528) e a última Isabel II (20 de xuño de 1883).

 Os principais elementos arquitectónicos a destacar do barrio dos Austrias son: a Igrexa de San Nicolás de los Servitas, unha das máis antigas da cidade que aparece citada no Foro de Madrid de 1202; o  elemento de maior interese arquitectónico é a súa torre mudéxar, con arcadas cegas, que data probablemente do século XII. Na Plaza de la Villa encóntranse a Casa de la Villa, proxectada no primeiro terzo do século XVII, o conxunto formado pola Casa e Torre dos Lujanes, un dos edificios civís máis antigos que se conservan en Madrid, século XV, de estilo gótico-mudéxar; segundo a tradición, na torre grande estivo aloxado o rei Francisco I de Francia (1494-1547), feito prisioneiro na Batalla de Pavía (1525), e a Casa de Cisneros. A Praza Mayor e arredores como as Cavas, o mercado de San Miguel, de enorme interese turístico; o Palacio de Santa Cruz, a Puerta de Toledo,  Viaduto de Segovia (1934), praza da Puerta del Sol, onde se encontra a Real Casa de Correos e o Km 0. A praza de Isabel II, o Teatro Real, o Real Mosteiro da Encarnación, o Mosteiro das Descalzas Reais, o Campo del Moro, os Xardíns de Sabatini, e, na praza de Oriente o Palacio Real feito polos Borbóns coa estatua ecuestre de Felipe IV, (1634-1640. É a primeira escultura a cabalo do mundo na que éste se sostén unicamente sobre as súas dúas patas traseiras, e discretamente tamén sobre a súa cola.

O cambio de dinastía traería cambios importantes para a cidade. Os Borbóns formúlanse a necesidade de equiparar Madrid a outras capitais europeas. Pontes, hospitais, parques, fontes, edificios para o uso científico, ordenanzas de rede de sumidoiros e outras actuacións foron promovidas por Carlos III, (quen recibe o título popular de «mellor alcalde de Madrid»), coa colaboración de arquitectos e urbanistas de gran categoría profesional e artística: Francesco Sabatini, Ventura Rodríguez, Juan de Villanueva, entre outros.

O Salón del Prado, nos arredores da cidade, entre o conxunto do Buen Retiro e a Cerca, é probablemente o máis importante e o que deixou unha herdanza maior á cidade: os paseos do Prado e Recoletos, as fontes de Neptuno, Cibeles e Apolo, o Real Jardín Botánico, o Real Observatorio Astronómico ou o edificio inicialmente destinado a acoller ao Real Gabinete de Historia Natural, aínda que finalmente sería asignado ao entón recén constituído Museo do Prado.

Museo do Prado. Foto: Carme Lamela

 En 1860 derrúbase por fin a Cerca de Felipe IV e a cidade pode crecer, en principio dunha forma ordenada, grazas ao plan Castro e a realización dos ensanches. Establécese un moderno sistema de abastecemento de augas (a Canle de Isabel II) e a comunicación por ferrocarril que converterá a Madrid no centro da rede radial de comunicacións, o que tamén deixa a súa pegada na trama urbana (Estación de Delicias, Estación de Atocha e Estación de Príncipe Pío).

Nos primeiros trinta anos do século XX a poboación madrileña chega a máis dun millón de habitantes. Novos arrabaldes como as Ventas, Tetuán ou o Carmen daban acollida ao recén chegado proletariado, mentres nos ensanches se instalaba a burguesía madrileña. Estas transformacións fomentaron a idea de Ciudad Lineal, de Arturo Soria. Paralelamente abriuse a Gran Vía, co fin de desconxestionar a zona antiga e inaugurouse o metro en 1919.

A maior parte dos lugares turísticos de Madrid encóntranse no interior da chamada améndoa central (a zona circundada pola M-30), principalmente nos distritos Centro, Salamanca, Chamberí, Retiro e Arganzuela. O centro neurálxico de Madrid é a Puerta del Sol.

A rúa de Alcalá conduce dende a Puerta del Sol cara ao nordés da cidade. Dende ela chégase á Praza de Cibeles, na que se encontran a fonte de Cibeles, o Banco de España ou o Palacio de Comunicacións, actual sede do Concello de Madrid.

Puerta de Alcalá. Foto: Carme Lamela

Posteriormente a rúa alcanza a praza da Independencia, na que está a Puerta de Alcalá  e unha entrada ao parque do Retiro. A Gran Vía de Madrid, deixa ao norte o barrio de Malasaña (dunha importante actividade nocturna e cultural), crúzase coas rúas do Carmen e Preciados na praza de Callao e máis adiante coa rúa Montera -as tres provenientes de Puerta del Sol-. Neste punto Malasaña deixa paso ao barrio de Chueca, de ambiente alternativo e gay. As rúas do Correo, Carretas e de Espoz e Mina, parten cara ao sur, cara ao Barrio das Letras. Nesta zona encóntranse multitude de bares de copas e pubs, especialmente no ámbito das rúas Huertas, Atocha e da Praza de Santa Ana. A Carrera de San Jerónimo sae cara ao sueste, cruzando as prazas de Canalejas e das Cortes -xunto ao Pazo das Cortes– e chegando ata o chamado Triángulo da Arte dos museos do Prado, Raíña Sofía e Thyssen-Bornemisza no axardinado Paseo del Prado. Non moi lonxe encóntrase o Observatorio Astronómico do Retiro (Juan de Villanueva), a Basílica da Nosa Señora de Atocha e o Panteón de Homes Ilustres. Tamén neste ámbito se encontra a igrexa de San Jerónimo el Real o Hotel Ritz, o Palacio da Bolsa e a Real Academia Española.

Igrexa dos Xerónimos. Foto: Carmen Marcos

A arquitectura moderna máis representativa débese á segunda parte do século XX destacando o conxunto AZCA coa Torre Picasso (Minoru Yamasaki; en decembro de 2011 adquirida por Pontegadea Inmobiliaria, do empresario Amancio Ortega, fundador de Zara). É a sede de empresas como Google, FCC o Deloitte… Catro Torres Business Área, no eixe norte/sur, Paseo de la Castellana, sen esquecer a obra de grandes arquitectos como Álvaro Siza, Antonio Lamela, Fco. Javier Sáez de Oiza e outros.

Catro Torres. Foto: Carme Lamela

Non se aludiu aos palacios e palacetes que se construíron ao principio en torno ao alcázar cristián e máis adiante en todo o perímetro da cidade; algúns desapareceron ao longo do tempo e a maior parte dos que se manteñen están actualmente utilizadas por institucións públicas ou grandes empresas: uns son Ministerios, como o de Santa Cruz ou o de Buenavista, outros Embaixadas, como a de Italia. Outros son Institucións diversas da Comunidade, o Estado, como o magnífico de Borguetto, dedicado hoxe á Delegación do Goberno en Madrid, ou como moitas das actuais Reais Academias, situadas en magníficos palacios. Hai os que son son sedes de Bancos, ou se converteron en Museos, como o do Marqués de Salamanca e o de Villahermosa, que antes de devir o Museo Thyssen foi a Banca López Quesada, tras unha completa transformación por dentro do edificio asinada por Moneo, ou o de Cerralbo. E aínda quedan palacios residenciais nos que viven os propietarios, como o de Liria, residencia dos Duques de Alba.

Para ler o artigo completo preme aquí

Carmen Dorrego Iglesias (Celga1)

 

2 reflexións sobre “Coñecemos Madrid

  1. Pingback: Intercambio lingüístico cultural | Galego en Madrid

  2. Pingback: Intercambio lingüístico | irevir

Os comentarios están pechados.