Facemos

A Rapa das Bestas en Sabucedo

 

A Rapa das Bestas é unha festa galega declarada en 2007 de Interese Turístico Internacional. Celébrase a primeira fin de semana do mes de xullo en Sabucedo, concello da Estrada, e a ela asisten moitísimas persoas achegadas de moi diversos lugares, pois esta festa transcendeu máis alá das fronteiras de Galicia e de España. O rito da Rapa das Bestas consiste en marcar e “rapar” as crinas dos cabalos.

Hai outros lugares en Galicia onde se celebran rapa das bestas pero fanas doutro xeito; nesta da que vos falo a diferenza é que para raparen os cabalos non se usa ningún aparello, só é a loita entre a forza do home e a besta, por iso aos participantes chámanselles aloitadores; é unha loita corpo a corpo, nun ritual que se fai dende hai séculos, xa no século XVIII se ten novas de que se rapaban os cabalos, e vai pasando de xeración en xeración. Este rito, ao ser realizado por mozos novos, ás veces, tamén se adoita relacionalo co paso da infancia á puberdade. As mulleres, ata hai pouco, tiñan un papel secundario na rapa, pero hoxe algunhas mozas atrévense a loitar no curro. No ano 1936, por mor da Guerra Civil, foron as mulleres, axudadas polos nenos e os vellos, quen fixeran a rapa.

Foto: José Luis Fraíz

A Festa dura dende o sábado ao amencer ata o luns á tardiña. Durante este tempo fanse tres rapas, unha o sábado, unha o domingo e outra o luns. Durante o tempo que non ocorren as rapas, hai moitos postos onde comer, beber e gozar dos mellores produtos da terra, (polbo, empanadas, rosquillas, etc.),  da súa música e da súa hospitalidade.

O sábado, a iso das 6:30 h. da mañá, celébrase unha misa para pedirlle a San Lourenzo que non ocorra ningún accidente nin desgraza durante a Rapa; despois os mozos, veciños e demais participantes soben ao monte a buscar os cabalos para levalos ata o curro, que é o recinto onde se procede á rapa. A este movemento chámase a baixa, na que participan os mozos, habitantes da zona e visitantes, xa que esta Festa chega a acadar ata 20.000 visitantes. Os cabalos están no monte soltos todo o ano, e ao curro só se levan os do Santo pois os particulares rápanos nos seus curramentos.


Ao redor da festa, como xa dixen, hai unha serie de actos complementarios como poden ser exposicións de cadros e fotos de festas anteriores, o festival Sons da Rapa, con actuacións de grupos folk na carballeira do Campo do Medio (Linho do Cuco, O tear da Llerena, Le Punk e Viñalar Fantstic Band), distintas actuacións de grupos musicais, etc.

O luns pola mañá, ten lugar a derradeira rapa na que se marcan os cabalos e despois sóltanse de novo ao monte.

Para pasar  toda a fin de semana, hai aloxamentos nas aldeas ou vilas preto de Sabucedo, como poden ser A Estrada, Cerdedo, Forcarei, Soutelo de Montes e algunhas casas rurais tan características do turismo rural galego.

Velaquí a páxina oficial con toda a información http://www.rapadasbestas.es/

Marisa Cosano

Curso Lingua e Cultura, 2011-12


Santa Eulalia de Bóveda

“Na localidade lucense de Santa Eulalia atópase un enclave arqueolóxico e artístico que é monumento nacional dende 1931 e hoxe Ben de Interese Cultural de Galicia. A singularidade do monumento é tal que non se coñecen paralelos en Europa Occidental, e moi poucos no resto do territorio do antigo Imperio Romano, pero tamén nos informa dos inicios do cristianismo en Galicia.
A 14 quilómetros da cidade de Lugo, e próximo á vía romana XIX que unía a capital da Gallaecia Setentrional, Lugo, coa da Gallaecia Meridional, Braga, encontramos o conxunto arqueolóxico de Santa Eulalia de Bóveda.
A construción é da época da ocupación romana de Galicia. Trátase dun edificio de dúas plantas, do que só se conserva a inferior, case en perfecto estado. Isto é debido a que esta atópase semienterrada, unha cripta de planta cadrada de aparello granítico e cuberta de bóveda de canón.
A espectacularidade do conxunto arqueolóxico reside na decoración das paredes que acollen unha das máis importantes pinturas murais da romanidade tardía, de finais do século IV. Os murais representan aves e motivos vexetais estilizados, a mestría da execución permite diferenciar perdices, galiñas, faisáns, pavos, patos ou pombas.
O descubrimento da cripta data de 1926, cando o párroco atopou o edifico sepultado mentres facía obras de desterre no adro da igrexa. Comunicoulle o achado ao que sería o primeiro director da escavación, Luis López Martín, quen daría noticia do conxunto arqueolóxico ás autoridades nas mesmas datas. As hipóteses do carácter do sitio apuntaron sempre a un lugar sacro; primeiro encontrouse un relevo dun peixe xeroglífico do Salvador gravado nunha pedra, o que fixo pensar nun templo cristián en tempos da persecución deste culto. Tamén hai estudos que apuntan a esta construción como sede de culto prisciliano, incluso como o lugar de enterramento de Prisciliano.
O certo é que a disposición do templo e a iconografía relacionan o seu espazo co culto da deusa Cibeles. O emperador Augusto consagrou os territorios conquistados en Hispania a esta deusa que simbolizaba a fecundidade e o poder sobre a natureza. Podemos achar alusión a esta devoción nos relevos gravados na pedra aos dous lados do arco da entrada.
Varios detalles amosan as modificacións que se fixeron para adaptar o rito pagán ao cristián no século IV. O templo consagrouse a Santa Eulalia, virxe moza e mártir, nacida en Mérida ou Barcelona no século III-IV.  Esta moza dedicouse ao ensino e á axuda aos necesitados, morreu executada polos romanos e, no momento da morte, unha pomba branca saiu da súa boca, quedando dende entón como patroa das aves. O nome de Eulalia significa “BEN FALADA”, “Elocuente”, “Convincente”.
As imaxes de aves da bóveda acompañan agora o novo culto”.

Para máis información: www.boveda.org
Forma de acceso: Santa Eulalia de Bóveda (27233) Lugo, autoestrada A6 ata a saída 523, incorporarse á N-VI dirección sur, uns 4 Km.
Coordenadas GPS: 42º 58′ 48,67″N 7º 41′ 9,24″W.
Teléfono: 982 160 124

Beatriz González Goce (Lingua e Cultura)


 

O 8 de febreiro a clase de galego impartiuse en Aturuxo Tenda Galega

A clase en Aturuxo segundo o alumnado:

“A clase do último mércores, desenvolveuse en Aturuxo Tenda Galega en Madrid. Pero nela non só hai espazo para a literatura. A artesanía en forma de xoias e obxectos de decoración tamén teñen o seu sitio.
Precisamente, o espazo dedicado á artesanía encóntrase á entrada do espazoso local, á man esquerda. Alí podes encontrar dende pulseiras feitas con coiro e acibeche, pasando por pendentes con forma de bolboreta, colgantes e aneis, que tamén se poden mercar en prata de lei.
Neste recanto galego en Madrid tamén ten cabida a cerámica en diversos obxectos de decoración entre os que destacan as máscaras, agora que está tan próximo o entroido, as características cuncas de diversos tamaños ou unhas pequenas barcas de varias cores, que deixan clara a súa homenaxe ao mar.
Sen esquecer, os floreiros ou xerras como outros elementos da decoración, moitos deles pintados Á man, por artesáns como Regal.
Ademais do coiro, a prata e a cerámica, o establecemento garda un recanto para os obxectos en pedra, de toda clase de tamaños. Un dos obxectos que máis me chamou a atención foi un pisa papeis, con forma de cuncha, que, tras telo uns segundos nas mans, déixache impreso o seu recordo cun intenso olor a pedra nos dedos.
Os afeccionados á música teñen unha gran variedade de artistas e estilos onde elixir. Hai de todo, a música tradicional de Fuxan vos Ventos ou Milladoiro ata grupos máis recentes, como Marful ou Nova Galega de Danza, pasando por material de Mercedes Peón, Luar na Lubre ou Carlos Núñez.
Para min, o momento máis bonito que vivimos onte foi aquel no que Diego se animou a tocar unha pequena peza coa gaita, tras explicarnos as partes nas que se compón este instrumento tradicional galego.
A clase finalizou co recordo dedicado á literatura, que para iso é unha libraría, onde podemos encontrar unha variada tipoloxía de xéneros e subxéneros, como novela policial, obras dedicadas a espazos e tradicións galegas, historia de Galicia, gastronomía, etc. Sen deixar de lado as obras puramente académicas como dicionarios, manuais e gramáticas.
Se falamos de autores, na tenda teñen cabida os clásicos como Rosalía de Castro, aínda que tamén hai lugar para nomes como Domingo Villar, Agustín Fernández Paz, Ramón Villares, Xosé Neira Vilas, Ana Cibeira, Fran Alonso e Carlos Reigosa, entre outros.
A libraría tamén pretende ser un espazo aberto ao fomento e a difusión da cultura galega, grazas á organización de eventos como presentacións de libros ou concertos”.

Rebeca González Mancebo (Celga 1)

Diego Castelao explícanos as partes da GAITA

“O pasado mércores fomos á tenda galega Aturuxo.
A tenda invitaba a dar un paseo polo enxebre da cultura tradicional galega.
A tenda tiña artesanía como olaría de diferentes artistas, adobíos e utensilios de cociña, dornas, máscaras do entroido, xerros, cazolas, tarteiras, teteiras.
Tamén tiña pulseiras, colares, colgantes de pel, de coiro e de acibeche.
Para min, o mellor foi a pedra esculpida con trísceles e outras formas celtas.
A tenda tiña unha pequena colección da música galega.
A sorpresa foi ver o anfitrión tocar a gaita.
El mostrou as diferentes pezas da gaita como o chifro, o punteiro e o fol.
Esquecía a cousa máis importante, a tenda é unha libraría onde había libros de autores galegos e literatura en galego.
Escritores clásicos como Castelao e Rosalía de Castro, autores actuais como Agustín Fernández Paz e Domingo Villar.
Tamén tiña libros para nenos e comics, libros de cociña galega e da nova historia galega escrita polos galegos.
Toda unha experiencia dun anaco de Galicia en Madrid.
Moita sorte ao berro de xúbilo galego”.

Anselma  (Celga 1)

 

 


 

Presentación de “Tatuaxes” de Manuel Pereira Valcárcel o 1 de febreiro

“Eu nunca estivera en ningunha presentación de ningún tipo, e quedei  moi sorprendido pola extraordinaria organización. Todo o mundo participou no evento e ninguén quedou fóra (incluso eu fixen de azafato!) Dende o primeiro minuto cada persoa soubo o que tiña que facer e cando tiña que facelo.
O comezo xa foi hai unhas semanas, co debuxo de Chinto e a composición dos carteis, feitos pola nosa compañeira María. Carme preguntou na clase se alguén querería ler algúns poemas de Tatuaxes, e os meus compañeiros (Rosa, David, Teresa, Reme…) elixiron e recitaron os que máis lles gustaron.
Punto e á parte foi a presentación do grupo Bilbao. Eu quedei  moi sorprendido! Non souben da existencia dun grupo como este, en pleno centro de Madrid, ata que empecei co curso, a súa verdadeira historia ata esta data. O pequeño grupo forxouse nos principios da tenda Sargadelos  e as novas xeracións foron sumándose para construír o que agora chamamos o Grupo Bilbao.
As diapositivas, foi un detalle que me gustou moito tamén. Fotografías de Ouzande, a aldea natal de Manuel Pereira, mentres el falaba dos seus comezos e da súa obra, e tamén do mesmo Grupo Bilbao e da súa evolución. Un traballo moi bo do noso compañeiro Vítor.
Para rematar, Manuel leu varios poemas e pechou a presentación agradecéndonos a todos nós a boa acollida. Cun bo viño Ribeiro e as tradicionais empanadas da terriña, pechamos o acto”.
Paco, (Celga 1)

 

As fotos da Presentación de Tatuaxes