LETRAS GALEGAS 2012 MADRID


CELEBRACIÓN DAS LETRAS GALEGAS NO CENTRO DE ESTUDOS GALEGOS (UCM)



Ricardo Pichel presenta a Tucho Calvo que falará de Valentín Paz Andrade



ANA ACUÑA: “Onde o mundo se chama Celso Emilio”

Ana Acuña participa no Centro de Estudos Galegos da Universidad Complutense


Carmen Mejía recita a Celso Emilio


CELEBRACIÓN DAS LETRAS GALEGAS NO ESPAZO DAS LINGUAS


 

LEMBRAMOS A ISAAC DÍAZ PARDO

Carme Lamela presenta a Homenaxe a Isaac Díaz Pardo

 

Vítor Garabana presenta a Proxección que acompaña as intervencións na Homenaxe a Isaac Díaz Pardo

 


XESÚS ALONSO MONTERO: “Isaac Díaz Pardo, escritor antifranquista na clandestinidade”

Ana Acuña Trabazo le o artigo de Xesús Alonso Montero

“Nesta homenaxe ó gran Díaz Pardo, na que non me é posible estar fisicamente, achego as presentes páxinas sobre un tema que, quizais, non se trate neste encontro madrileño. En calquera caso, expreso a miña gratitude á organización deste acto por convidárenme, feito que tanto me honra.

Referireime, en primeiro lugar, ás colaboracións súas en Galicia Emigrante, a revista fundada e dirixida en Buenos Aires polo seu gran amigo Luís Seoane. Isaac, nesta revista, ofrécenos dous tipos de colaboracións: a) os artigos asinados co seu nome e apelidos, que escribe coa man dereita, b) e os artigos asinados co pseudónimo Ollarnovo, que escribe coa man esquerda. Era, en efecto, unha nova maneira de ollar as cousas do país. Cómpre aclarar que Isaac, nin sequera nos artigos non pseudónimos, perde o tempo, pois sempre opera como cidadán crítico, aínda que a crítica, neses casos, fose pouco dura. Nun artigo sobre o Hospital Real de Santiago de Compostela, xa transformado en “Hostal de los Reyes Católicos”, é quen de facer esta observación: “Hoy…, por virtud de algo extraño a los intereses de Galicia, ya no es el Hospital paradigma de caridad. Hoy es, desde hace un par de años, un hotel de lujo que sirve a la voluptuosidad de todos los nuevos ricos del mundo” (nº 19, 1956). Quen examine a prensa galega de 1955 ou 1956 dificulmente baterá con enunciados críticos destas características sobre o Hospital Real. Escribíaos –e subscribíaos– Isaac Díaz Pardo nunha revista galega da diáspora antifranquista.
Mais, cando Isaac decide publicar enunciados máis críticos ou máis arriscados, escríbeos para a mesma revista pero sen subscribilos co seu nome de pía. Dez son os artigos que chegou a publicar en Galicia Emigrante, nove subscritos polo señor Fernández Ollarnovo, un dos seus pseudónimos predilectos. No artigo “La emigración”, Isaac arremete contra o marqués de Santa Cruz, autor do texto dun proxecto de Lei para a creación do Instituto Español de Emigración, e arremete porque “el dictaminante está hablando también por boca de los navieros pero nunca por los intereses de los emigrantes” (nº 23, 1956). Non obstante, sabedor Díaz Pardo de que a Igrexa española, por boca do cardeal de Santiago, non quixo mesturarse “en tan lamentable asunto”, comunícanos que o feito cómpre interpretalo como un signo de esperanza. Neste artigo está de corpo enteiro Díaz Pardo, o Díaz Pardo que denuncia unha inicitativa política e que, asemade, aplaude a actitude ante esa iniciativa, da Igrexa, consciente –penso eu– de que a unha institución tan poderosa e tan comprometida co franquismo cumpría non acosala e, mesmo, gabala cando emitise un signo positivo por pequeno que fose”.
Ler o texto completo


MARIVÍ VILLAVERDE: Un día chegou Isaac

Xa é sabido que unha vez fusilado o seu pai tivo que deixar Santiago a toda présa e refuxiarse na casa de familiares menos significados politicamente, na Coruña. Eran tempos de terror; e pese á súa mocidade, non tiña máis ca 16 anos, xa se distinguira polo seu apoio nas Eleccións polo Estatuto de Galiza.

Cando ía no autobús camiño da Coruña, xa se decatou das veces que o condutor tivo que parar para apartar cadáveres do medio da carretera. Todo era utilizado para aterrorizar as xentes.

Isaac era xa un pintor e adicouse con afán a ese oficio. Vendía con facilidade canto saía das súas mans. Mais el non estaba de acordo con converterse en vendedor de cadros. Galiza tiña elementos que aínda estaban sen explotar, polo menos na escala necesaria.

Isaac ponse a investigar o que o pintor ferrolán Vello Piñeiro estudara sobre Sargadelos, e sentíase atraído por actividades que achegarían iniciativas de artistas e industriais, deducindo que coas terras e feldespatos galegos quizais volvería a oírse a resurrección da cerámica galega.

Cando finou a 2ª Guerra Mundial os “caolíns” quedaron en zona de influencia rusa e a industria centroeuropea viuse obrigada a buscar terras. En España non faltaron seres que se apresuraron a poñer en bandexa os “caolíns” de Sargadelos. Algúns foron testigos de cousas peregrinas que finaron coa orde do Ministerio de Industria que confirmou a entrega dos xacementos de caolín do Norte de Lugo a industrias alemáns, baseándose na información xigantescamente inexacta. Os caolíns de Sargadelos, dos mellores do mundo, poderían ser unha riqueza para Galiza de ser manufacturados nela. Hoxe xa non lles pertencen a Galiza. Mais as equivocacións poden corrixirse; incluso sería moi bo que os emigrados en América fosen o primeiro impulso que o fixese posible.
E si, foi en América.

Un día chegou Isaac e chegou cos seus bos propósitos de crear.

Eu xa coñecía a Isaac, é dicir, sabía de Isaac, pero non o vira nunca: igual que me pasara con Laxeiro. E fun ó Centro Galego onde estaba anunciada a súa presentación para dirixirse á Colectividade Galega. O Centro Galego aínda non tiña daquela o Salón Castelao que se fixera bastante despois e tivemos que xuntarnos de pé, ben apertadiños porque non tiñamos espazo para sillas. Isaac comezou a explicarnos todo o que tiñan feito en Galiza, no Castro, que foi a súa primeira fábrica.

As porcelanas do Castro xa pregoaban dentro de España o renacemento e a realización de obras de arte, e podía ó mesmo tempo servir como industria utilitaria con toda dignidade.

O dolmen que serve de marca e emblema ás pezas que saían das cerámicas do castro é sempre fecundo exemplo da vida perenne.

A continuación Isaac informou de que o feito da súa viaxe a Bos Aires tiña como fin invitar ós Galegos residentes na Arxentina a sentir o desexo de participar nese anceio de formar parte dos futuros socios da industria da porcelana que se ía crear na Magdalena, onde non se carecía de boas terras para fabricala.

Iso creou un auténtico entusiasmo entre os que alí estabamos e cada un facía xa contas do que podía dispor para participar na empresa galega. E así cos pequenos ou grandes aportes de tantos Galegos creouse o Laboratorio de Formas da Magdalena. Tódolos comercios de calidade foron os nosos clientes, e digo nosos porque tanto Ramón coma min fomos en distintas épocas os seus representantes.

Isaac era un home incansable do traballo. Non tiña horarios.

De día ou de noite era un bo momento para aproveitar intentando resolver algún problema ou, quizais, mellorando algunha cousa que non lle convencía.

Para poder levar a cabo tanto proxecto e sacalo axeitado hai que ter unha compañeira que lle comprenda a un e que sexa capaz de aceptar tódolos problemas que se poden presentar. E Isaac tiña a Mimina, que era unha muller capaz, comprensiva e de grande sensibilidade.

Meu querido Isaac moito traballaches neste mundo, moito quixeches a Galiza e moito fixeches por ela.

Todos temos que recoñecelo e agradecercho.
Máis nada e graciñas

María Victoria Villaverde



Constanza Tobío: Isaac Díaz Pardo e Lois Tobío

Constanza Tobío fala da relación de Isaac don Lois Tobío


INÉS CANOSA SANTOS: Lembranzas

“Coñecín a Díaz Pardo en Bos Aires no verán arxentino de 1966, nunha visita á fábrica de cerámicas Magdalena que el fundara en 1955.
Na cidade bonaerense atópase con Luís Seoane, Arturo Cuadrado, Mariví Villaverde, Lorenzo Varela, Ramón de Valenzuela, Antonio Baltar e Núñez Búa. Exiliados republicanos cos que manterá amizade toda a vida.
Díaz Pardo e Seoane soñan con restaurar en Galiza a tradición industrial iniciada a finais do século XVIII no complexo siderúrxico e cerámico deseñado e posto en funcionamento por Antonio Raimundo Ibáñez.
Fundan o Laboratorio de Formas de Galicia en 1963. Como consecuencia Ediciós do Castro inicia a publicación dos primeiros libros para difundir as ideas e a investigación do mencionado Laboratorio de Formas.
En Galiza xa funcionaba dende 1949, por iniciativa de Díaz Pardo coa colaboración de Federico Nogueira e José Rey, a fábrica de Cerámicas do Castro.
Isaac atenderá as dúas empresas, arxentina e galega, até 1968, ano no que regresa definitivamente á terra.
No ano 1970, coa colaboración de Cerámicas do Castro, poñen en pé Sargadelos no concello de Cervo, unha industria concibida coma un laboratorio de ensaios, especialmente de formas e conceptos que traballará a partir da reflexión evolucionada do noso tempo.
Eu quero salientar o traballo de deseño que fixeron na porcelana, tanto na decoración coma nas formas. Tradición e modernidade foron xuntas: “Raigaña do pasado con ideas do noso tempo”, en palabras de Isaac.”

Ler o texto completo

 Inés Canosa lembra a Isaac Díaz Pardo


Texto de Isaac lido por Carmen Mejía


Ricardo Pichel: A voz de Isaac

Carmen Mejía e Ricardo Pichel len textos do libro:Xan Carlos Pérez Leira, Castelao e os irmáns da liberdade (feito sobre un filme de Xan Leira. Fototografías de José Luis Abalo). Editorial Numen, 2002


MANUEL PEREIRA: O Sargadelos que coñecín e vivín

Entrei en Sargadelos por primeira vez en abril de 1977, cando eu era estudante en Madrid e residía no Colexio Maior Universitario Juan Luis Vives.
Sentín de inmediato un agarimo especial polo espazo en si e pola persoa que o dirixía, Inés Canosa.
Inés prestounos unha axuda decisiva para que, no CMU J. L. Vives, os colexiais de Galicia puidésemos organizar unha semana galega. Semana que se levou a cabo en abril de 1978 e na que tiveron cabida conferencias, recitais e exposicións de libros e de pintura.
Sargadelos, C/ Zurbano, 46, pasou a ser o territorio de acollida, de encontro, de fornecemento de libros e calquera información relacionada con Galicia.
No meu pensamento de mozo con afección literaria e interese pola cultura galega aniñaba a ilusión de que chegara algún día no que eu estivese entre os participantes nalgún acto.
Ese momento chegou en 1998, o 19 de maio. O grupo Bilbao levaba pouco máis dun ano creado e fomos convidados a participar no acto de conmemoración do Día das Letras Galegas. Titulábase Trobadores de onte e de hoxe, e nel participamos, Vicente Araguas, Fermín Bouza, Xavier Frías, José Manuel Outeiro, Claudio Pato e mais eu.
A partir dese momento tiven o privilexio de presentar alí case todos os meus libros e fun convidado a participar nos actos do Día das Letras Galegas en varias ocasións. O que supuxo para min unha satisfacción persoal enorme e unha débeda de gratitude permanente. A Isaac por promover e conseguir este lugar de encontro e a Inés pola xentileza e xenerosidade coa que sempre me tratou.
Dende que a empresa pasou a outras mans a miña presenza na Galería Sargadelos foi esporádica.
En xaneiro deste ano recibín un comunicado no que se anunciaba o seu traslado. Desaparecía así un lugar de tan feliz memoria para todos os que, vivindo en Madrid, senten interese e agarimo cara á cultura galega.

Intervención de Manuel Pereira lembrando Sargadelos

 


Versos de Isaac Díaz Pardo

Jesús Mª Varela recita “Cacheno” de Xalo -Isaac Díaz Pardo-


Marisa Cosano recita “A unha rapaza da Fontán que me pousa de modelo” de Xalo -Isaac Díaz Pardo-


VICENTE ARAGUAS: Isaac, hóspede do tempo

Había nel, na súa figura enxoita, comesta pola usura do tempo e máis da memoria, un non sei que náufrago dun mar inmenso. Dun home navegante nunha balsa camiño da consabida illa con palmeira. Ou  -se cadra-  dun camiñante con gardachuvas camponés baixo dunha chuvia eterna, non sei. Isaac, en fin, era outra cousa. Un traiazo, un chicotazo, do tempo e da memoria. Un home que se protexía da ruindade para protexernos, que nos outorgaba acougo contra do trebón, coñecedor de Dylan ou non, que iso nunca mo dixera.

Andiven con Isaac Díaz Pardo, ao seu lado, na distancia próxima, valla o oxímoro, moitos camiños. Todos os que fora dictando a súa filantropía de home primordial, de persoa atenta a Galicia como Cultura, ao Mundo como cerne do espírito e espora dun cabalo para todos. Eis Isaac, empregando o diñeiro como causa e razón, servíndoo a mancheas para dar saída a todo o que fixese da casa común espazo habitado (e habitable).

Isaac Díaz Pardo, un homiño xigante, un ser enxoito que abatía xigantes, un fidalgo de antano con visión tan moderna de xogada que daba xenio, que exercitaba o “cuore” (tu stai soffrendo) para os demais. Caste de “onegá” el só, espírito de Lincoln, Garibaldi, Gandhi, Castelao ou Madre Tereixa de Calcuta todo nun son, todo nunha maneira de querer e de vivir.

Isaac era, sempre o direi, Giangiacomo Feltrinelli, mais sen outra dinamita que a que xordía das súas iniciativas, grandes como un sol e lúa chea, sen outra pistola que a do seu pincel namorado.

En amor perenne coa Terra que lle foi tan lene (que lle está sendo lene) como a nosa lembranza. Nube nun ceo óptimo, corazón de Galicia e do Mundo (nunca entenderei a un Isaac fóra do universo solidario como centro de mesa), no que chantar as nosas bandeiras.

Como a tricolor que presidía o acto de Palas de Rei, aquel verán do meu encontro derradeiro con Isaac. Unha chea de xente, un mangado cordial, ao redor da lembranza de Camilo Díaz Baliño e Sixto Aguirre, e -por favor- non esquezamos a este estudante feito cadáver á beira do corpo do “Pintor”, pai de Isaac e ferrolán tan alto cal o lustre da cidade ilustrada.

E con Isaac, en Madrid, con Fermín Bouza-Brey, cando fora o noso heroe do Día das Letras. E Dionisio Gamallo era fervenza erudita, e Isaac e Lauro Olmo aquel xesto de bonhomía dunha patria que se nos vai das mans como unha anguía que esvarase.

E non. E non. Pola memoria de Isaac que se deu, que se foi desfacendo en memoria. En memoria galega e universal. Este Isaac que volve hoxe a nós, aínda que nunca se fora, cabaleiro perenne contra dos xigantes e dos exércitos que han terminar derreténdose cal o requeixo aquel baixo do elmo de Don Quixote. Porque Isaac era e seguirá sendo todo. Porque nunca volverá nacer un ser tan irrepetible. E aínda así. Con Isaac: SAÚDE E REPÚBLICA.

VICENTE ARAGUAS

 


Parte dos asistentes á saída da Homenaxe a Isaac Díaz Pardo


CELEBRACIÓN DAS LETRAS GALEGAS 2012 NA UNED

Conmemoración dos 15 anos do nacemento do Grupo Bilbao

Ana Acuña: o Grupo Bilbao



Carmen Blanco Ramos e Carmen Mejía opinan sobre o Grupo Bilbao

 


Xavier Frías e Luis Luna


CELEBRACIÓN DAS LETRAS GALEGAS en ATURUXO TENDA GALEGA

PRESENTACIÓN DE

BILBAO. Antoloxía de poesía galega en Madrid, ed. Amargord, 2012

Recital dos poetas do Grupo Bilbao en Aturuxo Tenda Galega


 Parte dos asistentes á presentación de Bilbao. Antoloxía de poesía galega en Madrid

5 reflexións sobre “LETRAS GALEGAS 2012 MADRID

  1. Pingback: Actos conmemorativos das Letras Galegas 2012 en Madrid | Galego en Madrid

  2. Moi ben feito, dende a portada, co a Porta de Alcalá como “acceso” a o noso mare, ate os outros “accesos”, virtuales, a o que facedes. Moitas gracias. Fernando de Valenzuela, fillo de Ramón e Mariví.

  3. Pingback: Recital na Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro en Madrid | Galego en Madrid

  4. Pingback: Celso Emilio Ferreiro e o Nadal | Galego en Madrid

Os comentarios están pechados.