Prolingua non esquece Galego en Madrid

ProLingua -Plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega- non esquece Galego en Madrid, e publica na sección Voces a carta que lle envía a alumna Beatriz Doldán.

“Detrás destas mensaxes erráticas hai máis de noventa persoas matriculadas pero sen clases. Persoas que se achegan ao estudo da lingua galega dende diferentes intereses e motivacións, pero todas elas cun proxecto vital interrompido. Actualmente, movémonos entre a perplexidade e o desalento, entre a incerteza e a carraxe. Incrédulos ante unha política lingüística que nos converte en monicreques […] En Madrid agarda unha aula, alumnado e unha mestra apaixonada polo seu traballo pero falta, de momento, o apoio institucional necesario para poñernos outra vez en marcha.
Na nosa peregrinaxe de retorno á casa resultou que alguén borrou as frechas amarelas e non sabemos se dar a media volta e esquecer Santiago ou seguir alimentando a fe”.

Logo Plataforma ProlinguaPreme nesta ligazón para ler o texto completo: Unha cuestión de respecto.

 

Sobre “tra(n)shumancias” de Luz Pichel

Como unha xograr que reparte patatitas e fai soar a súa frauta de madeira de piñeiro, que non remata en tarima flotante.
Como unha transhumante que non quere ser ovella, polo menos non branca, porque lle gusta demasiado bailar.
Como unha muller que abre armarios onde atesoura voces e jirones de lengua en trapos de cores.
Chegou a poeta a Madrid baixo un arco de abanos.
Nomeou Barquisimeto e deu comenzo unha travesía colectiva de verso libre. Vacas sen nome e cabalos que agardan ser resucitados saíron ao paso.

Patatitas.Trans(h)umancias

Poemas para dar, ela, para recibir, nós, e saborosas fajitas envolvendo carne de ghaliña.
Luz Pichel no centro dun Madrid vello, “Enclave de libros” porto de amarre e xente errante despedindo navío e corpo transparente.
Os pés espidos danzan sobre o cemento e as nubes levan hipopótamos ao lombo partidos coa risa.

Grazas, Luz.

 

Presentación de Tra(n)shumancias, Ediciones La Palma, en Enclave de Libros. Mércores 24 de xuño, Madrid.

Beatriz Doldán