Visitamos

MAPA XERAL CON LUGARES QUE RECOMENDAN VISITAR OS ALUMNOS DOS CURSOS DE LINGUA E CULTURA GALEGAS, (CREADO POR MARÍA GONZÁLEZ):

Ver Lugares de interese nun mapa maior.



OUTROS MAPAS CON LUGARES EN MADRID NOS QUE HAI PEGADA CULTURAL GALEGA:

No Espazo das Linguas Ibéricas impártense cursos de lingua e cultura galegas.


Ver Espazo das Linguas Ibéricas nun mapa maior

No Barrio do Pilar, ademais dun feixe de rúas e prazas con nomes de vilas galegas, hai un hórreo doado a Madrid pola vila de Corcubión.


Ver Hórreo na Praza de Corcubión nun mapa maior.

No Parque das Avenidas, a carón da M-30, encontraremos o Parque de Breogán. No seu extremo sur está o monumento a Alfonso R. Castelao, obra de Gonzalo Sánchez Mendizábal.


Ver Parque de Breogán e Monumento a Castelao nun mapa maior.

Faladoiro do Grupo Bilbao, no Café Comercial:

Ver Faladoiro no Café Comercial nun mapa maior.

Na Biblioteca Nacional de España encóntranse obras mestras manuscritas da literatura galega como as Cantigas de Santa María, de Afonso X o Sabio coa posible colaboración de Airas Nunes.


Ver Biblioteca Nacional de España nun mapa maior

Frei Martín Sarmiento viviu no mosteiro bieito de San Martiño en Madrid, do que foi abade. Aí o Padre Sarmiento deu a alerta, fixo os primeiros estudos e a primeira gran reivindicación da lingua galega e inventou mesmo a filoloxía comparada en pleno século XVIII.
Tamén promoveu a creación de cátedras universitarias de Historia Natural, Agricultura e Botánica e, por proposta del, foi creado o Real Xardín Botánico.
Para a navegación, propuxo a escolla da costa occidental galega (cabo Touriñán – Cabo Fisterra) como orixe de coordenadas ou “meridiano cero”. Non fixeron moito caso á súa proposta, dela o único que resta é unha pequena placa ao pé do Palacio Real, onde se indican as coordenadas de Madrid a respecto do meridiano de Fisterra/Touriñán.







O Padre Sarmiento foi sepultado na igrexa do mosteiro onde viviu, que derrubaron no S.XIX. Algures debaixo do pavimento da Praza de San Martiño aínda debe estar o sepulcro.


Ver Sepulcro de Martiño Sarmiento. nun mapa maior.

Ao número 13 da Calle de la Ballesta foi vivir Rosalía de Castro entre ano 1856 e o 1858. Especúlase se foi fuxindo das represalias por ter participado no Banquete de Conxo, reunión de liberais e rexionalistas con obreiros que escandalizou o poder na Compostela da época. En Madrid comezou a publicar e casou con Manuel Murguía.


Ver Casa onde viviu Rosalía de Castro nun mapa maior.

 

Teodosio Vesteiro e Franciso Añón foron outros poetas románticos galegos que viviron en Madrid.
Teodosio Vesteiro era vigués, estudou humanidades e teoloxía en Tui. Foi doutor e catedrático de Teoloxía moi novo e tamén foi un autor precoz. En 1871 abandonou a carreira eclesiástica e trasladouse a Madrid, onde exerceu o ensino musical.
Franciso Añón nace en Boel (Outes). Licénciase en Dereito en Santiago e, despois de participar na revolución galega de 1846, exíliase a Lisboa, onde publica o “Hymno dos povos”. Despois viaxa por Francia, Italia e España ao servizo dun lord inglés. A partir de 1869 vive en Madrid, onde traballa como xornalista e como profesor de idiomas.
O seu poema A Galicia (Ay esperta, adorada Galicia) foi candidato a se converter no himno galego. Añón foi homenaxeado co día das letras galegas de 1966.

En 1875 Vesteiro funda a asociación “Galicia Literaria”, da que Francisco Añón será o seu primeiro presidente. Na asociación participan varios escritores galegos como Manuel Curros Enríquez, Celso García de la Riega, Emilia Calé, os irmáns Andrés e Jesús Muruais, Luís Taboada e outros. Reúnense no domicilio particular de Emilia Calé, na rúa Estrela.


Ver Galicia Literaria nun mapa maior

En 1876, o día do seu 29 aniversario, Teodosio Vesteiro suicidouse nunha das salas do Museo del Prado. Con anterioridade destruíra os seus traballos de xuventude, entre os que se encontraban 2 tratados de Filosofía e Teoloxía, 2 dramas, 1 zarzuela (letra e música), 2 poemas, 2 lendas e numerosas poesías e composicións musicais.
Está enterrado no cemiterio Sacramental de San Justo.

Francisco Añón pasou os últimos anos da súa vida na penuria económica. Finou en 1878, dun cancro, no Hospital da Princesa. Os seus restos ficaron nunha foxa común.

O Ateneo Científico, Literario y Artístico de Madrid ten unha Agrupación de Estudos Galegos. Celso Emilio Ferreiro foi o seu director durante a súa estadía en Madrid nos anos 70, desenvolvendo unha grande actividade cultural.


Ver Agrupación de Estudos Galegos do Ateneo de Madrid nun mapa maior

Celso Emilio Ferreiro foi un verdadeiro embaixador da Cultura Galega en Madrid:


Ver 2ª Residencia de Celso Emilio Ferreiro nun mapa maior

Nos anos 60 o Club de Amigos da Unesco, presidido por Rafael Taibo, acolleu as reunións dun grupo de intelectuais galegos en Madrid. Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben-Cho-Shey, daba no club leccións de galego neses tempos nos que a nosa lingua estaba proscrita.


Ver Club de Amigos da Unesco nun mapa maior

Ramón de Valenzuela e Mariví Villaverde loitaron por manter aceso o facho da Cultura Galega no exilio arxentino e á súa volta en Madrid:


Ver Residencia de Ramón de Valenzuela e Mariví Villaverde nun mapa maior

Dous dos últimos homenaxeados do día das letras galegas, Lois Pereiro (2011) e Xosé Díaz Castro (2014), moraban ambos en Madrid. Coincidiron nun bar do Paseo de Extremadura, onde se “desvirtualizaron”. Cóntanolo Xosé Manuel Pereiro.


Ver Lois Pereiro e Xosé Díaz Castro no Paseo de Extremadura nun mapa maior


Poeta Díaz Castro
Díaz Castro no portal da RAG


Poeta Lois Pereiro
Lois Pereiro no portal da RAG

ARQUITECTURA DE ANTONIO PALACIOS RAMILO
O arquitecto galego Antonio Palacios Ramilo, nado no Porriño (Pontevedra) en 1874, desenvolveu unha intensa actividade profesional en Madrid, onde deixou unha influente pegada arquitectónica.

Algunhas das súas obras máis significativas, realizadas en solitario ou en colaboración co arquitecto vasco Joaquín Otamendi, son:

  • O Palacio de Telecomunicacións da Praza de Cibeles, hoxe sede do Concello de Madrid
  • O Círculo de Belas Artes
  • O Banco Español del Río de la Plata, actual Instituto Cervantes
  • O Hospital de Xornaleiros da rúa Maudes, hoxe sede da Consellería de Transportes da Comunidade de Madrid
  • O Casino de Madrid


Ver Obras de Antonio Palacios en Madrid nun mapa maior

2 reflexións sobre “Visitamos

  1. El arquitecto de Porriño Antonio Palacios es el autor de edificios emblemáticos de Madrid como El Palacio de Comunicaciones(actual Ayuntamiento),El Circulo de Bellas Artes etc.además de casas particulares en la Glorieta de Quevedo o la calle Eloy Gonzalo.

  2. Pingback: Intercambio lingüístico cultural | Galego en Madrid

Os comentarios están pechados.